Este mércores arrincará a quinta edición de MARÉ, festival de músicas e artes atlánticas que converterá Compostela no epicentro da diversidade cultural e musical de ambas as dúas beiras do atlántico. A proposta conxunta de Sumrrá & Niño de Elche inaugurará ás 20.30 horas deste xoves dende a Sala Capitol o cartel dunha quinta edición que reúne até o domingo 29 de setembro máis trinta de bandas procedentes dunha decena de países. Voces e ritmos de México, Brasil, Palestina, Estonia, Angola, Portugal, Alemaña ou Arxentina atópanse nun cartel no que tamén concorren proxectos musicais galegos, valencianos, cataláns ou vascos.
Compostela, epicentro atlántico
MARÉ espallará os seus concertos por Compostela, convertendo o conxunto da cidade nun gran punto de encontro entre o público e a multiculturalidade. O Teatro Principal, a Sala Riquela, a Casa das Crechas e a praza de Mazarelos serán, xunto á xa amentada Capitol, os centros neurálxicos de MARÉ, festival que un ano máis afondará na súa filosofía de fusionar as diversidades musicais atlánticas para fomentar sinerxías creativas entre grupos locais e internacionais.
Precisamente, o gran concerto inaugural encaixa á perfección neste fomento das interconexións musicais: Sumrrá & Niño de Elche presentan un novo proxecto en común. O recoñecido trío galego suma o seu talento ao do cantante multidisciplinar Niño de Elche e, deste feliz encontro, xorde algo totalmente inédito dentro da vangarda musical do estado. O concerto de Sumrrá & Niño de Elche estará precedido pola actuación de Su Garrido Pombo. A programación do mércores complétase coa Foliada da Banda das Crechas ás 22.30 horas na Casa das Crechas e a sesión de DJ Panko na Riquela.
Xoves con Sés e Albert Pla
O xoves MARÉ ofrecerá un día ben completo. Por unha banda, Albert Pla & The Surprise Band será un dos grandes protagonistas. O cantante catalá ofrecerá xunto a esta formación un directo no que reinventará unha vez máis o seu estilo e mais o seu repertorio. Este concerto celebrarase tamén na Sala Capitol -o xoves ás 21.30 horas- e contará coa actuación previa da cantante galega Azul Ferreira.
Pola outra banda, o cartel da segunda xornada de MARÉ tamén ofrecerá a Sés en formato trío nun concerto -ás 19.00 h no Teatro Pincipal- que virá preludiado por Al Ázar, formación que conxuga as influencias musicais da palestina Rawab, o boliviano El Zuri e o alemán Tony. Ademais, MARÉ tamén lle brindará ao público compostelán o concerto da arxentina Aluminé Guerrero na sala Riquela ás 00.30 horas.
Da Ultranoite a Zeca Afonso
MARÉ continuará de cara á fin de semana con catro grandes citas: o regreso das Ultranoites de Chévere a Santiago o venres na Sala Capitol tras case dez anos de ausencia na cidade (as entradas xa están esgotadas); o concerto de A Pedreira no Teatro Principal o sábado para presentar o seu segundo disco en solitario Basal, o desembarco do grupo brasileiro-mexicano Francisco El Hombre tamén o sábado na Capitol e Lá na Xepangara, concerto homenaxe a Zeca Afonso no Teatro Principal que servirá o domingo de clausura.
O venres e o sábado, ademais, a praza de Marelos converterase nun escenario gratuíto polo que se sucederán diferentes propostas. Os estonios de Puuluup, os vascos de Dupla, o trío mediterráneo Marala, os galegos de Alana, o brasileire DIADORIM ou cataláns de Delahuerta ofrecerán as súas actuacións dende está céntrica praza.
Día Europeo das Linguas e Lydia Botana
A programación do festival tamén achega actividades pensadas para a cativada baixo o paraugas do MARÉ Crianzas. Este programa específico inclúe o concerto de Lydia Botana o sábado 28, que presentará o seu proxecto De aquí para alá coas emocións. Trátase dun proxecto educativo musical para nenos e nenas no que se percorre o mundo aprendendo e cantando a música de cada lugar, implicando o público para que acompañe a voz de Botana na descuberta de novos sons. A sesión con Lydia Botana, cuxa entrada será gratuíta, celebrarase no Teatro Principal ás 12.00 horas o sábado 28 de setembro.
Precisamente ese sábado 28, MARÉ festexará o Día Europeo das Linguas, efeméride que se conmemora dende comezos de século cada 26 de setembro. O Festival, para amosar o seu compromiso coa diversidade lingüística e a multiculturalidade, inzará o día de recordatorios destinados ao público para subilñar esta data sinalada. De forma previa a cada actuación, MARÉ reivindicará cunha breve intervención a importancia da variedade idiomática para os ámbitos artísticos, mais tamén para a convivencia e a pluralidade, dous valores fundamentais que marcan a filosofía de MARÉ.
Por último, cómpre destacar a actividade de MATE, o apartado profesional do festival ao abeiro do cal se celebrarán encontros, showcases, reunións e sesións de pitching. As actuacións de Su Garrido Pombo o mércores, Azul Ferreira o xoves, Aluminé Guerrero tamén, o xoves, Nacho-Faia-Lar o venres ou de grupos como Zuaraz, Delahuerta ou Dupla son algúns dos showcase quen forman parte tamén do apartado profesional MATE.