Maré 2026 comeza en Compostela con cinco días de músicas e culturas do mundo

A conta atrás chega á súa fin. Este mércores, 23 de setembro, comeza en Santiago de Compostela unha nova edición de Maré. Músicas e Artes Atlánticas, que durante cinco días, ata o domingo 27, espallará concertos, encontros e experiencias por diferentes espazos da cidade.

A sétima edición de Maré reúne máis de 30 espectáculos, catro producións propias, oito propostas inéditas en Galicia e unha estrea absoluta, con artistas procedentes de máis de 16 países e representación de 12 linguas. Unha programación que conecta territorios, tradicións e linguaxes musicais e que abrangue xéneros como o jazz, o folk, o rock, o reggae, a trova cubana, a samba, o fado, o blues ou as músicas de raíz.

Magalí Sare e Aterciopelados abren o festival

A apertura de Maré terá lugar o mércores 23 de setembro. No Teatro Principal, Magalí Sare e o coro de cámara compostelán Vox Stellae presentarán Descasada, vol. 1, un proxecto no que a artista catalá combina folclore iberoamericano, música clásica, canto coral e jazz a través de cancións en diferentes linguas.

A programación da primeira xornada completarase na Sala Capitol coa actuación de Aterciopelados, unha das formacións fundamentais do rock alternativo latinoamericano, que chega a Compostela desde Colombia.

Durante os días seguintes, Maré reunirá en Compostela nomes como Haydée Milanés e Javier Colina, Bia Ferreira, Omar Souleyman, ALA.NI, Camille & Matthieu Saglio, Josyara, Marcos Coll, Jupiter & Okwess, Expresso Transatlântico ou Shooglenifty, xunto a unha ampla representación de artistas e proxectos galegos.

Entre as propostas propias do festival destaca Cuba canta en Maré, un encontro arredor da música cubana e da súa diáspora en Galicia, mentres que o domingo 27 o proxecto De Zemambiquo a Zigala, con Cheny Wa Gune e A Pedreira, pechará a programación de Maré cunha homenaxe a Narf.

O sábado 26, Maré celebra o Día Europeo das Linguas

Un dos momentos destacados da edición será o sábado 26 de setembro, Día Europeo das Linguas, unha xornada que pon especialmente de manifesto a vocación de Maré como espazo de encontro entre culturas e linguas. Nesta edición, a presenza galega estará protagonizada por Faia, Trilitrate e Lideira, tres propostas que representan diferentes formas de reinterpretar e actualizar a creación musical galega.

Ese mesmo día terá lugar tamén unha das citas destacadas de Maré Recomenda: o concerto de António Zambujo, referente do fado portugués.

Ao longo de cinco días, o festival volverá facer de Santiago de Compostela un escenario aberto ao mundo, ocupando teatros, salas de concertos, espazos culturais e outros lugares da cidade para favorecer a proximidade entre artistas e público e o diálogo entre diferentes territorios e tradicións.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego