Logo de que unha multitudinaria manifestación percorrese onte as rúas de Compostela, dende a Alameda ata o Praza do Obradoiro, reivindicando máis políticas en defensa do galego, o voceiro da Plataforma Queremos Galego, Marcos Maceira, insta a continuar co proceso de “compromiso social pola lingua” para conseguir reverter a situación de “emerxencia lingüística” e promover mudanzas nas políticas lingüísticas da Xunta.
“Non imos agardar a que o Goberno galego actúe, senón que imos actuar nós desde xa“, incide Maceira sendo preguntado esta mañá por Nós Televisión.
O voceiro de Queremos Galego valora como un “éxito” a mobilización deste domingo. “Desbordou as previsións previstas sendo unha mostra de dignidade e de forza colectiva na defensa da nosa lingua”, engade.
Marcos Maceira fai fincapé na implicación social que xa está en marcha desde o pasado plenario do 17 de novembro, onde se lera unha declaración unitaria na que se recollía os puntos mínimos e as medidas urxentes baixo a sinatura de máis de 170 entidades do país. “Se queremos reverter a situación de emerxencia lingüística, hai que continuar aumentando o compromiso social“, sostén. “Podemos conseguilo, presionando ao Goberno e garantindo a posibilidade de usar con liberdade o galego”, di, “e que así, a implicación social se traduza en feitos“.
Manifestación deste domingo
O voceiro da plataforma de defensa da lingua tamén intervíu no acto de peche da mobilización do pasado domingo onde se amosou crítico coas comisións nomeadas pola Xunta para actualizar o Plan Xeral de Normalización Lingüística.
“A Xunta e Rueda saben como rectificar”, dixo o propio Maceira durante o acto de peche da mobilización, “propuxemos uns puntos mínimos baseados en acordos unánimes xa existentes que a Xunta debe cumprir, e medidas urxentes que se debe aplicar para o ensino, a cultura, os servizos públicos e as actividades comerciais sen máis dilacións”.
“Se quere sinceramente un proceso para aplicación doutras medidas debe facelo cun proceso transparente, plural e participativo, sen exclusións e por suposto, mostrando verdadeira vontade de aplicación”.

A coordinadora de Queremos Galego, Celia Armas, agradeceu o “traballo impagábel de centos de persoas, de colectivos sociais e organizacións de todo tipo para garantir o éxito desta manifestación e tamén dos máis de 20 plenarios celebrados ao longo e largo do país”, o que permitiu romper “o cerco mediático”.