Marcos Maceira pídelle ao presidente da Xunta que aclare se vai manter “a exclusión do galego nos servizos”

O presidente da Mesa e voceiro da plataforma cidadá Queremos Galego, Marcos Maceira, denunciou este mércores, despois da intervención de Alfonso Rueda no Parlamento galego, que o presidente da Xunta non “fixo propósito de emenda” nin “aclarou se está disposto a cambiar de rumbo, polo futuro do galego”, despois dos datos publicados polo IGE que sinalan un descenso no uso e coñecemento da lingua galega.

“Necesitamos que o máximo responsable do goberno galego aclare se vai manter o ensino como ferramenta para o descoñecemento de galego”, insistiu Maceira, “se vai permitir que se manteña a exclusión de galego nos servizos” ou se, pola contra, “está disposto a mudar de rumo”.

O presidente da Mesa recordou que “quen queira usar o galego”, debe saber que “conta co amparo das leis e das institucións, a través do Plan Xeral de Normalización Lingüística” e fixo fincapé en que corresponde á Xunta de Galicia facelo cumprir.

“A sociedade galega quere o seu idioma”, afirmou Maceira, e “mostrarao de novo o 17N cun gran acto aberto a todas as entidades e persoas interesadas na defensa da lingua que terá lugar en Compostela, baixo o lema Mudemos o rumbo. Polo futuro do galego”. “A situación é extrema”, lamentou, “a Xunta non pode seguir impasíbel”.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego