Marcos Maceira acusa á Xunta de estar a bater o récord en reverter a oficialidade do galego

A asamblea aberta do proceso Lingua Vital ratifica este sábado, 14 de marzo, na praza da Quintana a resposta unánime da sociedade galega á emerxencia lingüística. O acto servirá como presentación pública e aprobación colectiva do protocolo elaborado ao longo dos últimos meses por 57 entidades de todos os ámbitos, co apoio doutras 396, como “un compromiso de acción para traballarmos as entidades sociais e institucións nunha dirección común: a de conseguir a presenza e disposición do galego en todos os espazos para permitir que se se incorporen novos falentes e se manteñan os que xa o empregan sempre”, en palabras do voceiro de Queremos Galego, Marcos Maceira.

d

Maceira presentou nunha rolda de prensa, xunto coa coordinadora de Queremos Galego, Celia Armas, os detalles da asamblea multitudinaria deste sábado, que contará coa actuación de Caamaño e Ameixeiras, un dos grupos mais relevantes do panorama musical galego actual. Ademais dos propios Armas e Maceira, o sábado intervirán, en representación dos grupos de traballo que elaboraron o protocolo, Mónica F. Valencia e Xosé Henrique Costas. Estará presente, ademais, unha delegacion do Centre Internacional Escarré per las minories étnicas i nacionals (CIEMEN), entidade promotora da Declaración Universal dos Dereitos Lingüísticos á que se adheriu por unanimidade o Parlamento de Galiza en 1996 e da Plataforma per la Llengua. En representacion da promotora da DUDL dirixirá unhas palabras á asamblea o presidente do CIEMEN, David Minoves.

“Esta nova asamblea de Lingua Vital na Quintana”, asegurou Maceira, “refrendará o traballo ao que nos comprometemos nas manifestacións multitudinárias de febreiro e do 17 de maio: o protocolo lingua”. “Facémolo nunha lexislatura que xa pasou o ecuador”, recordou o voceiro da plataforma de defensa da lingua, “sen que a Xunta e o PP se movesen o mais mínimo para mudar o rumbo do galego”. “Ao contrario”, denunciou, “bateron records, non para reverter a emerxencia senón para reverter a oficialidade”. “O PP quixo usar a lingua de refén para obrigarnos a unha revisión do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega que nos fixese retroceder na defensa do galego”, rematou.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego