Manoel Vello Salvado adicou toda a súa vida á grande loita das cousas pequenas. Galeguista por riba de todo desde a súa mocidade na parroquia de Xanceda, no concello de Mesía, foi sacristán e membro de Irimia, concelleiro do BNG de Mesía, incansable defensor da nosa lingua, da reivindicación da etiquetaxe en galego, da cultura, da economía e dos medios en galego.
Sindicalista no sector da Banca, dirixente nacional de Compromiso por Galicia, tivo unha participación directa no descubrimento dos enterros ilegais das vacas tolas. Faleceu o 15 de decembro do 2022, aos 50 anos de idade, despois de pelexar durante 23 anos cunha grave enfermidade de ril.
Na súa memoria e a de todas as persoas e colectivos que compartiron con el loita e vida, Nós Televisión produciu este documental, dirixido e realizado por Xosé Bocixa, como forma tamén de renderlle homenaxe a unha persoa que sempre apoiou de forma activa e decidida os medios de comunicación en galego.
O documental
No documental entrevistáronse a unha ducia de persoas, todas elas familiares, amigos de Manoel e compañeiros do eido político, sindical e do asociacionismo. Así, recóllense as impresións do irmán de Manoel, e da súa cuñada e curmá. Tamén se inclúe o testemuño de Luis Louro e Beti Louro en Mesía, promotores do centro social O Tizón, no que Manoel participou activamente; do ex concelleiro do BNG en Mesía e tamén compañeiro da CIG Pedro Pedreira; do párroco Gumersindo Campaña; do sociólogo Luís Liñares; do presidente da Fundación Praza Pública, Carlos Amoedo; do gandeiro Manuel Raposo; da parella de Manoel e a súa filla, Carolina e Catuxa Silva; dos profesores e amigos de Ordes Charo Fernández Velho e Franceso Traficante; do presidente da Asociación para a Loita contra as Enfermidades de Ril (ALCER-Galicia), Rafael Rodríguez; do que foi secretario xeral de Compromiso por Galicia, Xoán Bascuas; e do xornalista Antón Escuredo.
A canción As cousas pequenas, de Secho e García MC, é a música principal do documental, no que tamén se inclúen os temas Días de escuela de Badana e Cortina e Macín Libre, de Zenzar.