Máis de mil persoas participaron na manifestación de Vía Galega co lema “Galiza nación, un pobo con dereitos”

"Como pobo temos dereito a autodeterminación, a decidir o noso futuro como galegas e galegos", destacou a portavoz María Xosé Bravo

A manifestación co lema “Galiza nación, un pobo con dereitos“, convocada pola Plataforma Vía Galega, congregou este domingo máis de 1.000 persoas procedentes de todo o país que percorreron as rúas de Compostela para reclamaren o dereito á autodeterminación e a construír unha sociedade galega con plena democracia, liberdade e igualdade.

A mobilización, que rematou na praza da Quintana cun acto final conducido pola actriz Isabel Risco e música interpretada por Jasper e Rodrigo Ramos, contou coa intervención de María Xosé Bravo, da portavocía de Vía Galega, e coa lectura dun manifesto por parte do escritor Suso de Toro e da actriz Neves Rodríguez. Ao remate interpretouse o himno galego.

Así, María Xosé Bravo lembrou os inicios de Vía Galega en 2018 que, tres anos despois, é quen de xuntar e de organizar máis de 65 asociacións “que partillan que Galiza é unha nación, que temos dereitos como pobo e que debemos facer ouvir a nosa voz para construír unha república galega soberana, democrática feminista”. “No conxunto do Estado español dáse o debate sobre o recoñecemento da existencia de distintas nacións e dos dereitos colectivos e máis cedo que tarde vai haber modificacións na estrutura territorial do Estado e Galiza ten que estar aí”, afirmou.

Sobre a celebración do 40º aniversario da promulgación do Estatuto de Autonomía, María Xosé Bravo destacou que é “un corsé que nos impide resolver os problemas do presente, e non vai ser con reformas desa ferramenta como atopemos as respostas que este país precisa”. Pola súa parte, a actriz e comunicadora Neves Rodríguez destacou que Galiza é unha nación porque reúne todos os trazos que conforman unha unidade nacional.  “Como pobo temos dereito a autodeterminación, a decidir o noso futuro como galegas e galegos”, engadiu.

“Decidir o noso futuro é imprescindíbel para impedir o espolio”

O escritor Suso de Toro emprazou a “decidir o noso futuro”, pois tórnase “imprescindíbel para impedir o espolio e dispoñer dos nosos recursos e enerxía; para paralizar a eucaliptización do país e a contaminación do noso medio”. “En definitiva, para termos unha Galiza para construír unha sociedade libre, máis democrática, xusta e igualitaria”, concluíu.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego