O Correlingua segue a encher as rúas de alumnado que saca fachenda de lingua cando cumpre un cuarto de século de historia. Nesta XXV edición do Correlingua, unha iniciativa promovida pola CIG Ensino, A Mesa pola Normalización e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, encheu o Paseo Marítimo da Coruña con máis de dous mil alumnos e alumnas de once institutos e colexios da Coruña así como outros de Laracha, Arteixo, Cabana de Bergantiños, Camariñas, Cambre, Carral, Cerceda, Culleredo, Oleiros, Ponteceso ou Pontedeume.
Así comezamos hoxe a nova edición do Correlingua, enchendo as rúas da Coruña de mocidade, festa e galego! ✨
Grazas a todos os centros e a @punkita_ por facer desta primeira cita unha xornada tan especial! 💪🌊@CIGEnsino @asocpedagoxica @amesanl #Correlingua2025 #ACoruña pic.twitter.com/bny9PRVg3O
— Correlingua (@correlingua) May 6, 2025
Baixo o lema “a mocidade activa por unha lingua viva”, víronse frases como “defende o galego, defende o teu” ou “contáxiate de lingua”. O alumnado foi recibido nun acto presentado pola actriz Isabel Risco que contou coa actuación musical de Pauliña.
O alumnado do IES Breamo de Pontedeume foi o gañador do concurso de lemas desta convocatoria mentres o CEIP Juana de Vega de Oleiros recibiu de mans da alcaldesa o premio por ser a escola máis animada, mentres que o IES Agra do Orzán recibiu o galardón á mellor pancarta. Cada un dos centros recibiu un lote de libros doado polas Bibliotecas Municipais.
A alcaldesa da Coruña, que fixo entrega dos galardóns, reivindicou o uso do idioma. “Ver os centros de toda a contorna aquí reunidos: A Coruña, Oleiros, Arteixo, Cambre, Pontedeume… é unha proba clara de que hai unha xeración que non lle dá as costas ao galego. Ao contrario: facedes moitísimas iniciativas ao longo do ano para que o galego sexa parte activa da vosa vida”, sinalou Inés Rey que reivindicou a necesidade de que o galego “se expanda máis alá das aulas”.