Máis de 80 obras compiten polos Premios Xerais 2023

Xa queda menos para unha das citas máis agardadas do panorama literario galego: a resolución dos Premios Xerais. Este ano, compiten 87 orixinais e as persoas que integran os xurados xa teñen en marcha o proceso de elección das obras candidatas aos galardóns nun ano en que o Premio Xerais de Novela acada a súa XL edición.

Os tres xurados xa teñen nas súas mans as obras orixinais que optan a acadar o Premio Xerais de Novela, o Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil e o Premio Merlín de Literatura Infantil. Deste xeito, os xurados declararán as obras finalistas na súa primeira reunión, que se celebrará o venres, 9 de xuño. Unha semana despois, o venres 16 de xuño, terá lugar o segundo encontro en que se escollerán as tres obras gañadoras.

O xurado da XL edición do Premio Xerais de Novela, dotado con 10.000 euros e ao que concorren 37 obras, está formado por: Diego A. Dacal (coordinador do club de lectura Sete vidas de Espazo Lectura), María Díaz (xornalista de Cadena Ser), Fernando Miranda (libreiro na Libraría Miranda), Tamara Novoa (xornalista de A Movida), Ánxela Vázquez Andrade (profesora e bookstagrammer) e Xosé Manuel Moo Pedrosa (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.

O xurado da XV edición do Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil, dotado con 10.000 euros e ao que concorren 28 obras, está formado por: Laura Veiga (xornalista de Nós Diario e divulgadora), Erica García-Santamarina Caridad (AAGG), Cándido Paniagua Pousa (mestre e escritor), Adela Dios Touriñán (bookstagramer), Osmar Rodríguez Pérez (libreiro na libraría Mobby Dick) e Ramón Domínguez Veiga (secretario do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.

O xurado da XXXVIII edición do Premio Merlín de Literatura Infantil, dotado con 10.000 euros e ao que concorren 23 obras, está formado por: Cris de Caldas (filóloga, bibliotecaria e contadora), Ivana Gómez Abuín (mestra e bookstagramer), Paco Cerdeira ‘Pakolas’ (músico), Olalla Sánchez Pintos (xornalista), Xiana Teimoy (ilustradora) e Anaír Rodríguez (secretaria do xurado), en representación de Xerais, con voz e sen voto.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego