A área de igualdade, lingua e dereitos civís da Deputación da Coruña, liderada pola deputada Soledad Agra, pon en marcha, por sétimo ano consecutivo, unha nova edición da súa campaña ‘Liberdade de ser e sentir‘, con motivo da conmemoración do 28 de xuño, día da diversidade sexual. A deputada presentou a campaña, á que se adheriron 84 concellos da provincia, acompañada de membros da asociación Alas A Coruña; o Colectivo CBV #ChamizoBelloVila e a produtora Mala Herba, que participaron no deseño das actividades.
Actividades da campaña
As actividades que presentamos van continuar máis aló do 28 de xuño. A asociación Alas A Coruña impartirá obradoiros de sensibilización en 10 concellos da provincia, “espazos seguros de debate e conversa, fronte á desinformación e os discursos de odio, para desmitificar, romper prexuízos e achegarnos á cidadanía dunha maneira bonita” explican dende a entidade. Ademais, contarán cun posto informativo na Coruña, na praza de Lugo, o sábado 29 de xuño de 11h a 15h, “onde estaremos a pe de rúa falando coa veciñanza, ofrecendo información a través de xogos e dinámicas participativas e, por suposto, repartindo diversidade e pluma”, engaden.
Obra de Teatro
Outra das actividades é a obra de teatro ‘Menú do día’, do Colectivo CBV #ChamizoBelloVila, que contará con 5 representacións en diferentes espazos. Trátase dunha peza “que pon o foco nas violencias que sufrimos as persoas LGTBIQ+; un ‘menú do día’ que temos que comer si ou si”, afirma Alberte Bello. “É a nosa primeira creación e nace dun traballo en proceso”. Revelándose desde a resiliencia nunha festa pola diversidade, esta obra pon de manifesto “de xeito transversal”, que “estamos preparades para ser libres dunha vez por todas”.
Materiais divulgativos
Ademais, a produtora Mala Herba vai “desmontar prexuízos”, tal e como afirmaron, a través dunha serie de materiais e pezas audiovisuais que se repartirán entre os concellos adheridos e se poñerán a disposición de toda a cidadanía na páxina web da campaña seresentir.gal. “Queremos desmitificar bulos, e tamén falar de cousas máis cotiás, problemáticas que están á orde do día e que aínda sufrimos na actualidade”.