Máis de 7 mil sinaturas defenden a topinimia galega

A Mesa pola Normalización Lingüística recibe en 48h máis de 8000 sinaturas de apoio ao manifesto en defensa da toponimia oficial que publicou na súa páxina web logo dunha campaña publicitaria que cuestionaba á mesma.

O presidente da Mesa, Marcos Maceira, recordou na Coruña, onde se convocou unha concentración para defender a lexislación vixente, que “a toponimia fala da Historia, da cultura e da lingua dos pobos” e que, polo tanto, “agredir a toponimia galega é agredir o pobo galego”. Neste sentido, criticou duramente as “campañas de odio, vidas desde fóra, que pretenden borrar a pegada que o pobo galego deixou no seu territorio, no noso territorio” e salientou a rápida e contundente resposta do pobo galego, que “non está disposto a ser humillado por ninguén” e, por iso, “respostou masivamente rexeitando as campañas de odio contra o galego”.

Maceira denunciou, sen embargo, a falta de resposta dos poderes públicos. “O máis preocupante”, abundou, “é o amparo dos poderes públicos a estas agresións, como o apoio da xefatura do Estado ou da presidencia da Xunta ao Foro que deturpa a toponima da Toxa ao final de cada verán”. Neste sentido, recordoulle ás administracións galega e española que “a cidadanía galega falou estes días alto e claro”, recordando “que os nosos lugares se chaman en galego”.

A Mesa recorda que os poderes públicos deben actuar en defensa da lei e contra o uso reiterado e sistemático das formas deturpadas tanto nesta campaña publicitaria como na sinaléctica, nos medios de comunicación ou mesmo mapas dixitais como os de Google. “Atacar e  ocultar a nosa toponimia é facelo tamén coa nosa dignidade colectiva e a capacidade de dicirlle ao mundo quen somos e onde estamos”, defende un manifesto promovido na rede pola entidade de defensa da lingua. E tanto a Xunta de Galiza como o Goberno español e os concellos deben tomar todas as accións necesarias para garantir o cumprimento da legalidade na toponimia, instar as compañías de xeolocalización a que empreguen as formas correctas e oficiais dos nomes de lugar e manifestarse contra as campañas de odio á lingua galega e á denominación do seu territorio.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego