Máis de 33.000 sinaturas en apoio da iniciativa Xabarín para mellorar a programación infantil e xuvenil en galego

A Mesa pola Normalización Lingüística entregou este mércores no Parlamento de Galiza máis de 33000 sinaturas en apoio da Proposición Non de Lei de Iniciativa Popular ao Parlamento de Galiza para instar ao goberno galego a tomar as medidas precisas para que a CRTVG aumente a oferta en galego destinada á infancia e á mocidade nas televisións públicas a través dunha canle “Xabarín”, con programación atractiva, actual, educativa e de produción galega dirixida ao público infantil e xuvenil e dispoñíbel en todas as plataformas dixitais, así como nunha App actualizada para todos os dispositivos e que conte ademais con programas e xogos. A iniciativa tamén insta tamén a que toda a programación televisiva, incluídas as plataformas e TVE, teñan versión en galego orixinal, dobrada ou lexendada.

“A enorme cantidade de sinaturas recollidas a pesar das dificuldades no contexto sociosanitario actual demostra que o problema da lingua galega no audiovisual e outros sectores non é de demanda senón de ausencia de oferta”, asegura o presidente da entidade, Marcos Maceira. Neste sentido, Maceira lembra tamén que “a porcentaxe de galego na programación infantil e xuvenil é do 4,6% durante a semana e cae ao 2,7% na fin de semana e que a programación en galego só está garantida por unha única canle, a TVG”. “No contexto das plataformas dixitais o galego, simplesmente, non existe”, denuncia. Esta é a realidade que quere mudar a Iniciativa Xabarín.

A Mesa anunciou que após o debate parlamentar a iniciativa continuará desenvolvéndose para que a nova lei do audiovisual que presentará o goberno español recolla estas demandas estabelecendo unha porcentaxe de galego igual a do castelán en todas as emisións orixinais, dobradas ou lexendadas, lineais ou baixo demanda, así como igualdade no financiamento antecipado das producións.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego