A Cidade das TIC da Coruña acollerá, entre o 7 e o 9 de novembro, o segundo Foro da Industria Galega do Audiovisual (FIGA), un punto de encontro para o sector que poñerá o foco na intersección entre a diversidade lingüística e o medio audiovisual.
Organizado pola Academia Galega do Audiovisual, o foro reunirá a máis de 30 voces expertas na materia, dende profesionais do guión, realización ou programación, ata da tradución e o subtitulado, xornalistas e docentes. Entre eles, Marta Cruañas, produtora en Canadá, a empresa de produción coñecida polos videoclips de artistas como Rosalía, Dua Lipa ou Aitana. Tamén intervirán Dalibor Matanic, director e guionista croata, premiado no festival de Cannes polo seu filme “Bajo el sol” e director da serie revelación de Netflix “El último artefacto socialista”; os creadores das series “Altsasu” e “O sabor das margaridas”; ou a produtora Beli Martínez, que ven de ser galardonada na última edición da SEMINCI.
FIGA, que este ano se desenvolve baixo o título “Lingua e audiovisual”, estruturarase en tres xornadas temáticas que irán debullando as chaves para entender a situación actual e os retos de futuro que permitan que a diversidade lingüística siga a estar representada no eido audiovisual.
Os relatorios do xoves, 7 de novembro encádranse baixo o título “Na procura da nova televisión: públicos mozos, accesibilidade e referentes renovados” e, nela, abordarase o desafío de conectar cunha nova xeración de espectadores e espectadoras creando referentes visuais frescos e próximos.
Aquí, especialistas en programación, como Judith de Argila, responsable do Departamento de contidos dixitais e transmedia e creación de comunidades de 3Cat; Daniel Hernández, Director de Estratexia de 3Cat; Fernando Ojea, Director de Contidos da CRTVG.gal e Secretario Xeral de CIRCOM-Regional.eu; José Luis Blanco, Director de Programación de EiTB-Euskal Telebista/Primeran e Andrea Villa, programadora do Carballo Interplay compartirán as súas experiencias e propostas xunto con Adrián Canoura, realizador de videoclips, cine experimental e formatos contemporáneos e Marta Cruañas, produtora no estudio Canadá.
Tamén participarán Pablo Romero, profesor de tradución e lingüística na Universidade de Vigo; Charo Pena, actriz, directora de dobraxe e adaptadora de textos audiovisuais; María Suárez, tradutora audiovisual e Samuel Solleiro, tradutor audiovisual e literario, músico e escritor.
A temática do venres, 8 de novembro será “Unha esfera cultural propia: producir en linguas minorizadas ou minoritarias” na que se abordarán os desafíos que deben abordar as producións en linguas non hexemónicas, como poden ser o croata, o éuscaro ou o galego, desde a óptica dos creadores, como Dalibor Matanic, guionista e director da serie “O derradeiro artefacto socialista”; Asier Urbieta, director da serie “Altsasu”; Ghaleb Jaber Martínez, creador da serie “Motel Valkirias”; e Beli Martínez, docente e produtora en Filmika Galaika.
Tamén se contará co punto de vista da academia, coas intervencións de Fernando Redondo, investigador no Grupo de Estudos Audiovisuais da Universidade de Santiago de Compostela e Ana Viñuela, profesora de cine e audiovisuais na Universidade Sorbonne Nouvelle – Paris III.
O sábado, 9 de novembro, FIGA concluirá cunha xornada centrada en “Cara un circuíto estable e unha normalización na lingua do audiovisual”. A normalización da diversidade lingüística no audiovisual precisa dun ecosistema profesional estable e, neste debate, profesionais do sector explorarán a creación de redes e iniciativas que aseguren unha produción continuada, cun impacto que trascenda ao ámbito local. Intervirán produtores como Alfonso Blanco, director de Portocabo; distribuidores como Milo Baños, xerente da distribuidora Baños Films e Sonia Abbas, xefa de distribución nacional en Begin Again Films; guionistas como Araceli Gonda e Pepe Coira; a intérprete Lidia Veiga; a cineasta Paula Cons; Rosa Moledo, asesora lingüística das series “Fariña” ou “El caso Asunta”; e Jessica Izquierdo, coordinadora do Observatori de Continguts i Plataformes mediàtiques da Universitat Jaume I., guionista.
A dirección de contidos de FIGA corre a cargo de María Soliña Barreiro, profesora titular no departamento de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela e membro do grupo de investigación GEA (Grupo de Estudos Audiovisuais).
A cita converterase nun punto de encontro para as e os profesionais do sector, impulsando a reflexión sobre o papel das linguas na produción e exhibición audiovisual, así como o seu rol na creación e fortalecemento dos diversos públicos.
O Foro da Industria Galega do Audiovisual – FIGA é unha iniciativa da Academia Galega do Audiovisual realizada grazas ao apoio do Concello da Coruña e a área de cultura da Deputación da Coruña, que conta nesta edición coa colaboración da Cidade das TIC e o Grupo de Estudos Audiovisuais da USC.