Máis de 28.000 persoas no Revenidas 2024

Foron 28.000 ás persoas que asistiron aos catro días do festival. En dúas das xornadas, a do venres e a do sábado, completouse o aforo do recinto, con 8.500 asistentes en cada unha. A iso hai que sumar ás 6.500 persoas que acudiron o xoves e as 4.500 que se achegaron o domingo.

Precisamente a xornada do domingo, xa coas portas abertas, foi a máis multitudinaria que se lembra nos últimos anos. Miles de persoas congregáronse ao mediodía para desfrutar da tradicional sardiñada Rías Baixas. A organización dispuxo de 800 kilos de sardiñas asadas que se esgotaron en apenas hora e media. Despois da sardiñada o público permaneceu no recinto para asistir a gala de circo e, xa pola tardiña, aos concertos de Caamaño & Ameixeiras e De Ninghures, cos que se pechou o festival.

Máis alá das cifras, os organizadores subliñan o “excepcional ambiente” que se viviu durante estas catro xornadas no recinto do festival e no conxunto de Vilaxoán. A mellor mostra tivo lugar o sábado, unha xornada na que o público encheu o recinto do Revenidas dende as 12 de mediodía ata pasadas as catro da madrugada.

A organización do Revenidas quere expresar o seu máis sincero agradecemento aos traballadores do festival (persoal das barras, de limpeza, de seguridade, produción, técnicos, catering, comunicación…), polo seu esforzo e o seu compromiso. “Ademais dos artistas, eles son os principais responsables de que o festival sexa posible e de que se converta cada ano en algo tan especial”, sinala Xoán Quintáns, que tamén ten un recordo e un agradecemento especial para os veciños de Vilaxoán pola súa xenerosidade e pola súa acollida. “Os veciños de Vilaxoán, coa súa hospitalidade, fan do Revenidas un marabilloso exemplo de convivencia”.

A conexión do festival coa súa contorna trasladouse tamén nesta edición aos escenarios. Dous dos músicos que subiron a eles, como son Catuxa Salom e Rubén García (baixista de Guadi Galego) son, respectivamente, “a filla do dentista” e “o neto do xastre” de Vilaxoán
A maiores da súa vertente artística, o Revenidas amosouse de novo como un relevante elemento dinamizador da economía de Vilaxoán e da súa contorna. O festival xerou máis de 150 postos de traballo directos, aos que hai que sumar outras 500 persoas, entre músicos e técnicos.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego