A cultura galega vestirase de festa o vindeiro sábado 8 de xullo coa celebración en Outeiro de Rei do Convivio da Cultura Galega, o encontro anual do asociacionismo cultural de base que chega, este ano, á súa décima edición. Máis de 25 entidades asociativas participarán nesta xuntanza organizada pola Casa-Museo Manuel María e a Federación Galiza Cultura, co apoio da área de Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
Encontro do asociacionismo cultural de base
As directivas das asociacións que integran a Federación Galiza Cultura reuniranse pola mañá para facer balance das súas actividades, compartir reflexións, establecer sinerxias e artellar a súa actuación en común.
Actuacións de dez agrupacións musicais
A música tradicional é unha das grandes protagonistas do convivio. A carballeira de Santa Isabel, un espazo natural situado á beira do río Miño, acollerá, por décimo ano consecutivo, a actuación da Banda de Música Sons e Soños. Integrada por músicos de Rábade, Begonte, Outeiro e Friol, a banda foi a encargada de amenizar a xuntanza desde a primeira edición. Nesta ocasión estará acompañada pola fadista galega Iria Estévez o guitarrista portugués Artur Caldeira.
A festa continuará pola tarde cunha foliada conducida por Xurxo Souto. O músico, xornalista e escritor coruñés, ideólogo do rock bravú e cantante dos Diplomáticos de Monte Alto, é unha figura de referencia na historia do convivio e será, unha edición máis, o mestre de cerimonias da celebración.
Manuel María na memoria
As referencias ao recordado escritor chairego serán constantes ao longo da xornada: nas actuacións musicais interprétanse pezas sobre os seus textos, e el e a súa dona Saleta Goy, serán obxecto dunha ofrenda no cemiterio de Outeiro. A Casa-Museo Manuel María é o punto de encontro no que dará comezo a celebración, amais de albergar, no seu aditorio, o encontro das asociacións que integran a Federación Galiza Cultura.
Programación:
11.15 Acollida na horta da Casa-Museo Manuel María coa coral Solfa
11.45 Saída a pé para a carballeira de Santa Isabel con parada no cemiterio de Outeiro para realizar a
ofrenda a Manuel María e Saleta Goy.
12.30 Actuación na carballeira da Banda de Música Sons e Soños, dirixida por Armando Morales,
acompañada pola fadista galega Iria Estévez e o guitarrista portugués Artur Caldeira.
13.45 Xantar de convivio (as persoas asistentes deberán levar a súa propia comida e bebida)
16.30 Foliada que conducirá Xurxo Souto na carballeira coas actuacións de Birloque Gaiteiros, Vento Mareiro, Zurrumalla, Xurxo Souto & Richi Casás, Os Parabéns, Balura, Tribo, e Tradivivas Agra.