Máis de 2.500 nenos e nenas de Ames asumirán o compromiso de falar galego

O programa de dinamización lingüística Modo Galego, Actívao! arranca a súa terceira edición en Ames, froito do acordo de colaboración asinado entre o Concello e a Real Academia Galega (RAG). A nova edición foi presentada este xoves na biblioteca do CEIP da Maía e como novidade este ano o programa está dirixido non só aos niveis de infantil e primaria, como até o de agora, senón que se amplía tamén a 1º e 2º da ESO dos Institutos do Milladoiro e Bertamiráns, co obxectivo de incentivar o uso da lingua entre a comunidade educativa. Este curso, o proxecto vaise desenvolver entre o 20 de xaneiro e o 14 de febreiro.

En total, máis de 2.500 nenos e nenas do concello de Ames asumirán no marco do programa o seguinte compromiso: Falar galego o máximo posible con todo o mundo e en todos os contextos da vida cotiá, dentro e fóra das aulas, xogando e conversando coas amizades, nas tendas, nas actividades extraescolares, na casa. 

“Cremos que é necesario impulsar intervencións sobre o terreo coa colaboración dos distintos axentes institucionais, co profesorado, coas familias, e explorar novas maneiras de traballar máis efectivas e que sexan avaliables e replicables noutros municipios. Facermos, en definitiva, un traballo racionalizado no terreo da normalización no que se determine cal é a situación de partida e cal é a posterior, observando ata que punto se consegue coas medidas desenvolvidas o efecto que se busca”, resume o coordinador do Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega, Henrique Monteagudo. A análise das primeiras edicións do proxecto confirma os seus efectos positivos no uso do galego e especialmente sobre as actitudes lingüísticas.

O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, lembrou a declaración institucional do pasado mes de decembro na que a institución demandou un cambio do modelo educativo e un conxunto amplo de medidas para reverter o devalo do galego, tras coñecérense os datos do Instituto Galego de Estatística que alertan de que só se expresa sempre ou máis en galego ca en castelán o 16 % da rapazada de 5 a 14 anos. “Propoñémosvos unha especie de xogo e animámosvos a que o compartades cos vosos amigos e amigas, coa veciñanza e a familia, porque a lingua é algo que facemos entre todos, como un río no que navegamos conxuntamente e que precisa de vós para avanzar cara ao futuro”, explicou.

“O galego forma parte dun patrimonio inmaterial que debemos conservar e protexer, suma valor engadido e a súa utilización supón unha fortaleza”, expresou na mesa liña o alcalde de Ames, Blas García. “O Concello de Ames foi e será un concello protector da nosa lingua, algo que demostramos con feitos como a sinatura do convenio coa RAG no ano 2024 para blindar o Modo galego, actívao!”, asegurou Blas García.

Un mes para activar a lingua
A nova edición de Modo galego, actívao! propón unha serie de iniciativas que se desenvolverán ao longo dun mes. Esta semana estase a asinar o Acordo de compromiso lingüístico nas aulas da ESO e a negociar entre o profesorado e o alumnado dunha serie de recompensas acordes co nivel de implicación que cadaquén decida asumir. En diante, proporáselles aos estudantes de secundaria un reto semanal, como procurar que persoas da súa contorna se animen tamén a comprometerse coa activación do galego ou buscar a complicidade de artistas.

Para infantil e primaria, haberá reto diario ata o 14 de febreiro, animando os nenos e nenas a compartiren soños, música, trabalinguas ou películas en galego, e propoñéndolles tamén que busquen a complicidade doutras persoas para activaren o idioma propio de Galicia a través de cartas ou a gravación de audios. Por cada desafío cumprido, a rapazada recibirá un adhesivo que representa un superpoder co que completar unha sorte de cartilla do programa, deseñada por Ruth Caramés.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego