Máis de 150 entidades do país asinan unha declaración unitaria que recolle os puntos mínimos e as medidas urxentes para “mudar o rumbo do galego”. A xornalista Tareixa Navaza leu este gran acordo compartido por asociacións pola lingua, partidos políticos, sindicatos, colexios profesionais, institucións empresariais, educativas, deportivas e culturais e mesmo arcebispado de Santiago, nunha rolda de prensa colectiva na que o voceiro de Queremos Galego, Marcos Maceira ofreceu información de práctica de cara á “asamblea pola lingua” que terá lugar este domingo, día 17 de novembro, ás 12h da mañá na Praza da Quintana.
“Para que nunca máis haxa pasos atrás na normalización do idioma e deixar atrás a emerxencia lingüística extrema que motiva esta convocatoria”, di Maceira, “este domingo día 17 mostraremos publicamente a vontade colectiva de actuar para mudar o rumbo e garantir o futuro do galego”.
Maceira insistiu en que non se trata dunha manifestación e que, polo tanto, non decorrerá polas rúas de Compostela, senón que comezará directamente ás 12h na Praza da Quintana, onde se celebrará a “activación da sociedade galega pola lingua que nos une”, cunha grande asemblea pola lingua na que Queremos Galego decidirá as liñas xerais das acción dos próximos meses, na procura da “mudanza de rumbo que o galego precisa para garantirmos o seu futuro”.
O evento, que será conducido polo profesor, activista, escritor e músico Xurxo Souto, comezará coa lectura da declaración unitaria por parte de Tareixa Navaza, e concluirá, tal e como xa anunciaron as artistas nas redes sociais, cunha actuación das Tanxugueiras, exemplo na música de como a lingua galega e o pobo galego poden vencer todas as dificuldades se hai vontade.

“O proceso de eliminación de galego pódese reverter e entre todas e todos farémolo”, afirma Maceira, “asegurando o galego en todo e para todo”. O presidente da Mesa e voceiro da plataforma Queremos Galego recorda, asimesmo, que “o pacto nacional pola lingua xa existe, é o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega que está referendado unanimemente polo parlamento”. “A Xunta ten que cumprir os compromisos, os obxectivos e medidas xa acordadas, cun calendario de actuación concreto”, afirma.
Neste sentido, Maceira é moi crítico coa Xunta de Galicia, que “anuncia un gran pacto político, dándolle as costas á sociedade galega”. O voceiro de Queremos Galego lamenta que a Xunta de Galiza non contestou sequera ás solicitudes de encontro de entidades pola lingua como A Mesa pola Normalización Lingüística, que mantivo e segue a manter contra vento e maré a necesidade de cumprir as recomendacións do Consello de Europa e que proximamente estará na ONU para denunciar o incumprimento dos acordos nacionais e internacionais sobre a lingua.