Lupe Blanco, mellor regueifeira do país

A bergantiñá Lupe Blanco consolídase como a mellor regueifeira dos nosos tempos. Nesta segunda edición do festival Espalla Rimas, que se celebrou a pasada fin de semana no Pazo da Cultura de Carballo, a nada en Coristanco volveuno facer. Impúxose aos tamén bergantiñáns Suso e Antonio de Xornes, os vigueses Bieito Lobariñas e Mani Braga, e O Rabelo, de Cercedo.

Na outra categoría a concurso, RegueiNovos, participaron Carmen María Taibo (Carmaría), Sara Marchena, Daniel Vilas (Chaminho), Cristian Gómez, Óscar García e Yéssica Nantón, que resultou vencedora. As catro persoas finalistas nas dúas categorías a concurso eran da comarca de Bergantiños, o que amosa a importancia da improvisación oral nesta comarca.

No apartado de exhibición RegueInfas, dedicado a crianzas que se inician nesta disciplina, amosaron as súas habilidades os alumnados da Escola Semente de Compostela e do instituto Marco do Camballón de Vila de Cruces. Tamén se puideron ver os cantares ao desafío dos portugueses Augusto Canário e Cândido Miranda, este último formou parte do xurado xunto conManolo Maseda, Olalla Liñares, Xan Fernández Carrera e Carlos Alonso Piñeiro.

Imaxe de Lupe Blanco na gravación do ‘Regueifa Freestyle’ que sairá a luz neste 2023

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego