Luísa Villalta (A Coruña, 1957-2004), alén de extraordinaria poeta, foi unha destacada narradora, dramaturga, ensaísta, tradutora, filóloga e violinista.
Viron a luz os seus poemarios Música reservada (1991), Ruído (1995), Rota ao interior do ollo (1995) e En concreto (2004), que se recollen en Pensar é escuro. Poesía reunida (1991-2004) (Galaxia, 2023), que a converteron nunha das voces máis importantes da literatura galega dos nosos tempos, así como Papagaio (2006), con fotografías de Maribel Longueira.
No campo dramático, salientan: Concerto para un home só (1989), O representante (1990), O paseo das esfinxes (1991), As certezas de Ofelia (1999) e Os doces anos da guerra (2011). Como narradora publicou Silencio, ensaiamos (1991), Teoría de xogos (1997) e As chaves do tempo (2001). En canto ao ensaio, deu ao prelo O don Hamlet de Cunqueiro: unha ecuación teatral (1992), Libro das colunas (2005), reeditado por Galaxia en 2024, con limiar de Xosé Enrique Acuña; e O outro lado da música, a poesía (1999), reeditado por Editorial Galaxia en 2020.
En Editorial Galaxia publicamos a súa Narrativa reunida (Galaxia, 2024); e En concreto (2024), unha edición especial con limiar de Estíbaliz Espinosa e fotografía de Xurxo Lobato.
En 2024 é a homenaxeada no Día das Letras Galegas.