Luisa Villalta, a homenaxeada no Día das Letras Galegas de 2024

A escritora Luísa Villalta será a autora sobre a que xirarán o Día das Letras 2024. A súa candidatura foi escollida por maioría pola Real Academia Galega ao entendela como unha”creadora dunha obra singular e sólida que a converteu nunha das grandes figuras da literatura galega que emerxeron na segunda metade dos anos 80 e primeiros 90″.

“Luísa Villalta é unha intelectual. A lóxica, a razón, o pensamento configuran o humus no que enraíza un dos trazos máis significativos da súa voz. Unha poeta do pensamento, en palabras de Pilar Pallarés, que empregaba a poesía para pensar o mundo contemporáneo, como ten subliñado Arturo Casas”, expón o texto da proposta que votou a RAG.

Precisamente en 2024 fanse vinte anos do falecemento da autora, que ao longo da súa vida publicou nove títulos de poesía, catro de narrativa, cinco obras de teatro e diferentes traballos de ensaio ademais de títulos como tradutora e múltiples artigos e colaboracións en diferentes medios. Recentemente, a editorial Galaxia vén de publicar unha antoloxía da súa obra poética coa edición de Armando Requeixo.

A candidatura de Villalta foi seleccionada logo de dúas voltas de votacións e obtivo un total de 14 votos fronte a once que colleitou a candidatura do Cancioneiro Popular Galego e un voto en branco. A autora fora recoñecida en 2022 pola plataforma de crítica feminista A Sega como Nosa Señora das Letras.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego