A cidade de Lugo súmase a outras cidades de Europa, como París, Berlín ou Atenas, para participar no gran proxecto ‘Ulysses European Oddisey‘ que conmemora o centenario da publicación da emblemática obra de James Joyce. Con isto, utilizarase ‘Ulises’ como guía para facer fronte a unha serie de debates arredor de cuestións que afectan á sociedade do século XXI. Por exemplo, o debate que terá lugar en Lugo xirará arredor da nosa relación cos alimentos: a produción, a distribución e o seu consumo.
A decisión de escoller Lugo para formar parte destes actos de conmemoración da publicación de ‘Ulises’ tomouse logo de que os impulsores deste proxecto visitasen Lugo para avaliar os espazos onde se celebrarán as actividades. A comitiva, liderada polo irandés Sean Doran -da axencia Arts Over Borders- estivo acompañada por representantes da Fundación Uxío Novoneyra e o Concello de Lugo, impulsores e colaboradores da candidatura lucense.
O percorrido literario en homenaxe a Ulises, e o capítulo oitavo (Lestrigones) que terá lugar na cidade lucense, acollerá estatutas, o paseo de escritores, a Muralla, o Museo Provincial e os seus xardíns. Segundo o previsto, os actos celebraranse no mes de marzo e, tal e como anunciaron dende o Concello, unirase á programación unha serie de residencias artísticas e a celebración dun simposio sobre a relación entre literatura e gastronomía.