Lugo conmemora o 150 aniversario do nacemento da mestra Andrea López Chao

Este ano cúmprense 150 anos do nacemento de Andrea López Chao, mestra mindoniense emigrada a Cuba onde desenvolveu unha loita pioneira polo dereito das mulleres á educación e a saúde das mulleres. Ese legado a favor da igualdade remarcouse na homenaxe que acolleu o Pazo de San Marcos, nun coloquio titulado “Muller e familia: 100 anos entre a miña bisavoa e eu” no que Patricia Ares Muzio, bisneta da mestra mindoniense e doutora en psicoloxía na Universidad de La Habana, Antonio Reigosa, cronista oficial de Mondoñedo, e Daniel Vázquez, doutor en Estudos Culturais e coordinador das Xornadas Homenaxe a Andrea López Chao, expuxeron a actividade de Andrea López Chao no ámbito social e o seu pensamento, aliñado cos movementos feministas emerxentes.

Na súa intervención, a deputada de Cultura Iria Castro remarcou que “é de xustiza asegurarnos de que a memoria de Andrea López Chao e da emigración galega a Cuba se manteña” e animou a continuar a investigación sobre a súa figura como pioneira na defensa do dereito das mulleres á sanidade e á educación a comezos do século pasado, abrindo camiños para todas as que chegamos despois”

O acto, que contou coa actuación de Troupelear, serviu tamén de presentación en Lugo das actas das Xornadas Homenaxe a Andrea López Chao, que tiveron lugar o pasado verán en Mondoñedo e Vilalba, editadas pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo. Tamén se presentou a web https://opoderdeeducar.es, na que se recompila o traballo realizado sobre a figura de Andrea López Chao, e o teaser do documental homónimo, de Violeta Ramos.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego