A Coruña arranca hoxe as Festas de María Pita co pregón de Lucía Veiga e a actuación de Luz Casal, así como a apertura da Feira do Libro e Mostrart.
A cantante de Boimorto será a primeira artista do programa festivo, nun concerto co que dará comezo un mes de actividades culturais e musicais en diferentes espazos da cidade. Antes, a actriz coruñesa e presidenta da Academia Galega do Audiovisual, Lucía Veiga, será a responsable de dar o pregón desde o balcón do Palacio Municipal de María Pita.
“Me voy a permitir”
Luz Casal presentará o seu novo espectáculo, ‘Me voy a permitir’, un proxecto no que ofrece “o traballo máis ecléctico e inclasificable da súa carreira”, no que amosa dez formas de entender o mundo a través de dez cancións. A artista reivindica neste directo a liberdade creativa e a súa capacidade para transitar entre estilos, desde a chanson francesa ao rock, consolidándose como unha das intérpretes máis versátiles do panorama musical.
Este novo espectáculo configura unha ponte entre pasado e futuro, na que Luz Casal reafirma a súa condición de compositora intuitiva e intérprete excepcional, capaz de habitar cada canción con personalidade propia.
Cunha traxectoria consolidada e o recoñecemento do público e da crítica, a artista será a encargada de abrir “un cartel que converterá A Coruña nun referente cultural durante todo o mes de agosto, con propostas musicais de todos os estilos e para todos os públicos”, indicou Inés Rey, alcaldesa da Coruña.
“Entramos de cheo nun mes de máxima actividade na Coruña e facémolo cun programa pensado no conxunto da cidadanía e tamén nas persoas que nos visitarán este mes, mantendo as propostas xa clásicas que marcan estas datas, como as Noites de María Pita, o Festival Noroeste Estrella Galicia ou Viñetas desde o Atlántico, á vez que melloramos e diversificamos o seu contido”, indicou a alcaldesa.

Lucía Veiga, pregoeira
As festas arrancarán oficialmente co pregón da actriz coruñesa Lucía Veiga, que asumirá o papel de pregoeira nesta edición. Coa súa participación, o Concello aposta por unha figura destacada da cultura galega contemporánea para dar inicio ás celebracións, reforzando o vínculo entre a programación festiva e o talento local.
Lucía Veiga (A Coruña, 1979) é unha actriz dos Mallos cunha sólida traxectoria no teatro, o audiovisual e a comedia. Formada en interpretación e cunha destacada presenza na escena galega, combinou ao longo da súa carreira montaxes teatrais con participación en series e programas de televisión, onde acadou gran popularidade polo seu talento para a interpretación e o humor.
Nos últimos anos consolidouse tamén como unha das voces máis recoñecibles da comedia en Galicia, cun estilo persoal que mestura retranca, frescura e crítica social, converténdose nunha figura moi querida polo público. Un dos grandes fitos da súa carreira foi a súa candidatura para os Premios Goya polo seu papel en ‘Soy Nevenka’.
A feira Mostrart, xa aberta
Hoxe tamén abre ao público a edición número 42 de Mostrart, feira de referencia en Galicia de artesanía e unha das máis importantes do Estado.
Ata o 30 de agosto, os Xardíns de Méndez Núñez acollerán a máis de 65 artesáns distribuídos en 45 casetas, ademais dun amplo programa de actividades gratuítas pensado para achegar a artesanía ao público de todas as idades.
A feira ofrecerá unha ampla mostra da artesanía contemporánea, combinando tradición, innovación e deseño a través de pezas únicas realizadas por obradoiros de diferentes especialidades. Da totalidade de participantes, 56 proceden de Galicia e 12 doutras comunidades autónomas, unha representación que reafirma tanto o compromiso da feira coa artesanía galega como a súa capacidade para atraer obradoiros de referencia doutros puntos do Estado.
Como cada verán, Mostrart volverá complementar a súa oferta expositiva cun amplo programa de actividades gratuítas pensado para achegar a artesanía á cidadanía. Baixo a denominación Oficios ao Sol, a feira ofrecerá obradoiros participativos e gratuítos nos que o público poderá descubrir diferentes técnicas e oficios artesáns da man de profesionais do sector.
Feira do Libro
Por outra banda, este sábado 1 tamén arrinca a Feira do Libro da Coruña nos xardíns de Méndez Núñez, coa participación de 38 librarías da cidade e do conxunto de Galicia.
Estará aberta ata o 10 de agosto e o seu horario de apertura será de 11.00 a 14.00 e de 17.30 a 21.30 horas. O acto de apertura contará coa ilustradora coruñesa e Premio Nacional do Cómic, Bea Lema, como pregoeira. Durante as dez xornadas da feira haberá diferentes actividades e encontros literarios, así como sesións de sinaturas de destacados autores e autoras nas casetas das librarías.
Reforzo nas liñas de autobús
O Concello da Coruña activa o vindeiro sábado, 1 de agosto, un dispositivo especial de mobilidade de cara ás Festas de María Pita. Un servizo que implicará un reforzo nas liñas de autobús operativas á finalización dos concertos.




