LaMontagne & Pico Amperio traerán ao presente as cantigas de amigo nas xornadas ‘A lingua e o Reino’

O proxecto musical LaMontagne & Pico Amperio actuará o vindeiro martes 18 de abril, ás 20.30h, no Riquela Club de Compostela. O evento forma parte do programa cultural “A Lingua e o Reino. Entre Compostela e Braga“, organizado pola Deputación da Coruña en colaboración coa Rede da GaliLusofonia, e que ten por obxecto a promoción e divulgación da nosa época de esplendor medieval, en concreto, da lingua galego-portuguesa.

A banda, integrada por Laura LaMontagne & Pico Amperio, achegará un punto de contemporaneidade ao programa coa súa orixinal proposta, que tende pontes coas músicas e tradición galego-portuguesa das cantigas de amigo, traéndoas de volta ao presente a través de sons futuristas e tecnolóxicos; un diálogo entre pasado, presente e futuro a través do hip hop, a abstracción ambient, o folclore, melodías suaves, e a world music. Ademais de versos dos trobadores Martín Códax, Airas Nunes de Santiago e Afonso X, no repertorio de LaMontagne & Pico Amperio, teñen cabida outras grandes figuras da literatura como Rosalía de Castro, Luz Fandiño, Xela Arias, Fernando Pessoa ou García Lorca. O concerto será de balde e entrada libre ate completar aforo.

Visita guiada ao Castelo da Rocha Forte

Tras case seis meses de actividades cultural, “A Lingua e o Reino. Entre Compostela e Braga” prepara xa a súa última sesión, coa que porá o colofón a unha nutrida programación sobre o Reino Medieval de Galiza. Será a visita guiada ao Castelo da Rocha Forte, que terá lugar o vindeiro 2 de maio, ás 19.00h.

Baixo o título “Castelo da Rocha Forte. Do control do territorio á revolta“, o especialista Mario César Vila, dirixira o percorrido para coñecer un dos castelos medievais máis emblemáticos da mitra compostelana entre 1240 e 1467, ano da súa destrución na Gran Guerra Irmandiña. A asistencia será de balde, sendo precisa inscrición a través do seguinte formulario.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego