O Hotel Monumento San Francisco, en Santiago de Compostela, acolle este luns, 27 de marzo, ás 17:30 horas, a presentación do libro A nación dos mil viños, editado por Laiovento, no marco do II Revera Vinum.
O libro, que é unha guía galega para adentrarse no mundo do viño, busca ser unha iniciación combinada á cultura do viño en xeral, á súa proba sensorial e ao panorama concreto dos viños galegos.
Os seus autores, Martiño Santos Canosa, Xosé Gontá Sobrino e Toño Núñez Amigo-Rivadulla, inclúen no libro os elementos máis destacados que inflúen no resultado final dun viño e que integran o proceso de creación cada ano desde a viña á copa: os solos, o clima, as variedades de uva, a viticultura e a enoloxía. Tamén as chaves elementais para o seu goce e análise sensorial. E un repaso descritivo pola xeografía vitivinícola galega actual.
Estes contidos van acompañados de elementos históricos e culturais que contextualizan o significado e importancia do viño. Non podía faltar tampouco o protagonismo das persoas produtoras e as marcas comerciais que chegan a nós como resultado final do seu traballo.