Ken Keirades ben vale unhas próximas Letras Galegas

Manuel García Barros. Vida, obra e pensamento‘ é o título da exposición organizada polo Concello da Estrada, en colaboración coa Xunta de Galicia e Merlín Comunicación, coincidindo co 50 aniversario do falecemento do escritor para dar a coñecer máis esta figura clave na historia do noso pobo.

A mostra, integrada por sete paneis informativos que van percorrendo a vida e obra do autor a través de textos e de fotografías, está comisariada polo estradense Carlos Loureiro Rodríguez, autor do libro biográfico de García Barros que editou Galaxia o ano pasado e que leva o mesmo nome que a exposición; e por Xesús Domínguez Dono, tamén director de Produción de Galaxia.

Ken Keirades

Manuel García Barros (Ulla,Berres, A Estrada, 1876 – Pousada, Callobre, A Estrada, 1972), coñecido por moitos polo pseudónimo que utilizaba, Ken Keirades, é un nome imprescincible na historia das letras galegas. De humilde orixe labrega, exerceu o maxisterio e o xornalismo, defendendo sempre o seu ideario agrarista, anticaciquil e galeguista, en prol da cultura e da lingua propias en todos os ámbitos. A pesar de ser encarcerado e suspendido como mestre, nunca renegou do seu ideario nin do idioma, sendo un exiliado no seu propio país.

Tras o seu paso pola Casa das Letras da Estrada, agora a exposición comeza a percorrer todos os centros educativos da Estrada, nun periplo que se prolongará até o ano que ven e que ten un carácter principalmente didáctico. O obxectivo é universalizar ao autor, que as xeracións máis novas saiban e valoren quen era Manuel García Barros e que o seu legado perdure, configurando así unha actividade máis das moitas que organiza o Concello da Estrada para dar a coñecer ao autor.


x

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego