A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde e o director da cátedra da Memoria Histórica, Uxío-Breogán Diéguez, encargaranse da aperta deste III Congreso As Outras Protagonistas da Transición que se producirá este venres ás 17.00 horas no Centro Universitario de Riazor (CUR). A continuación, sucederanse as ponencias que porán en valor aqueles movementos e proxectos colectivos que encararon a ditadura franquista desde Galiza en favor da democracia.
Ponencias do venres: partidos e movementos sociais
Ás 17.30 horas do venres dará comezo a ponencia ‘A transición e os partidos políticos na Galiza’ a cargo de Justo Beramendi, catedrático emérito da Universidade de Compostela, xunto a Carlos Velasco Souto, profesor xubilado da Universidade da Coruña.
Logo, a partir das 19 horas, arrancará ‘Movementos sociais na Galizado tardofranquismo e da Transición fronte ao franquismo: Asociacionismo cultural, Feminismo e Ecoloxismo’ con Adela Figueroa, escritora e activista, Maríam Mariño, técnica do Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do Consello da Cultura Galega e Ricardo Guarriarán, doutor en historia e investigador.
Ponencias do sábado: cárcere, sindicalismo, artes e prensa
O sábado comezará con ‘Sindicalismo agrario e obreiro na Galiza da Transición’ con Daniel Lanero, profesor da Universidade de Santiago de Compostela, e Bernardo Máiz, doutor en historia e catedrático xubilado de EE.MM.
A esta ponencia seguiralle a de ‘Lingua, creación literaria e música na Galiza da Transición’ con Carlos Callón, profesor de Xeografía e Historia no Instituto Español de Lisboa, Montse Pena Presas, profesora da Universidade de Santiago de Compostela e Xan M. Fraga, profesor de historia no ensino medio e investigador.
Ás 17.15 horas será a quenda de ‘O mundo editorial e a prensa na Galiza da Transición’ con Roberto Samartim, profesor da Universidade da Coruña e Marcos S. Pérez Pena, investigador e xornalista. Ás 18.30 horas comezará ‘O Tribunal de Orde Pública (TOP), o conflito carcelario e as medidas penitenciarias de excepción na Transición’ con Francisco Xabier Redondo Abal, investigador e bibliotecario da Universidade de Santiago de Compostela e Sara Carou García, profesora da Universidad Internacional de La Rioja.
O Congreso finalizará cunha intervanción musical a cargo de Bernardo M. Bar e Moncho d’Orzán co canto de Grândola Vila-Morena (Zeca Afonso). A entrada é libre até que se cubra o aforo disponíbel, mais a organización prega que as persoas interesadas en asistir ao encontro se inscriban (gratuitamente) a través do seguinte formulario.