José Ramón González Juanatey, cardiólogo: “A pobreza mata”

Ao contrario do que acontece con outras doenzas, moitas enfermidades cardiovasculares pódense previr. Xunto a factores como o exercicio ou o sono amósase clave a alimentación e aquí é onde chega con importancia a Dieta Atlántica,un exemplo perfecto do que coñecemos como real food ou comida real, esa que ten incidencia directa para ben na nosa saúde.

Para coñecer un pouco máis sobre ela, falamos coa persoa que quizais coñeza mellor o estado do corazón dos galegos, o doutor José Ramón González Juanatey, durante 18 anos xefe de servizo de Cardioloxía da área sanitaria de Santiago e Barbanza. El é o protagonista desta conversa sobre ‘Dieta Atlántica, alimentación para a saúde’, presentada polo xornalista Luís Pardo e producida e realizada por Nós Televisión, baixo o encargo e o financiamento da Fundación Dieta Atlántica e o Proxecto New Heart Fondo Rexional – Feder a través do Programa Interreg VI-A-España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, gravada no Edificio CINC da Cidade da Cultura de Galicia. A esta conversa seguirá unha segunda, sobre ‘Dieta Atlántica, tradicional, saudable e sostible’, protagonizada pola vicepresidenta da Fundación Dieta Atlántica e Catedrática de Pediatría, Rosaura Leis Trabazo.

Juanatey defende que o 80 por cento das enfermidades cardiovasculares pódense previr e que as enfermidades cardiovasculares dependen criticamente do nivel socioeconómico e educativo da persoa. Un dato destaca neste sentido: o risco de infarto é 5 veces maior en traballadores manuais non cualificados que en persoas con formación universitaria, nun exemplo claro de que a pobreza mata.

Ante iso, defende a importancia de adoptar o hábito de alimentarse con comida real, peixe, vexetais e carnes reais, sendo clave evitar os ultraprocesados, comprobar sempre nas etiquetas dos alimentos a composición de sal e azucre para evitar o seu exceso e pensar nun patrón alimentario para vivir máis e mellor, sen obesidade.

Levar a cabo un estilo de vida con exercicio diario e alimentación saudable, seguindo o patrón tradicional galego e portugués, a Dieta Atlántica, e educar aos nenos e nenas na importancia da comida de calidade para cambiar a sociedade, é fundamental.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego