José López formaliza no Parlamento a convocatoria ás forzas políticas para un pacto polo galego

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López, convoca para o vindeiro 24 de outubro aos grupos políticos con representación no Parlamento a un encontro para abrir un “proceso de diálogo” cara a un novo “pacto pola lingua” logo do 20 aniversario do Plan Xeral de Normalización Lingüística que no seu día fora aprobado por unanimidade en sede parlamentaria.

José López facía este anuncio na rolda de prensa de presentación da campaña ‘Saca a lingua que levas dentro’ na que compareceu co secretario xeral de Política Lingüística. Valentín García explicou como esta campaña renova a súa imaxe co obxectivo de “alimentar o arraigamento, o orgullo e o sentimento de pertenza a través da lingua” como un xeito “efectivo e afectivo” de fomentar o seu uso “entre todos os galegos e galegas, en todos os ámbitos e en todas as idades”.

Máis de 100 cursos de lingua e cultura galegas

Outro dos anuncios destacados nesta rolda de prensa foron os máis de 100 cursos que se ofertarán o ano que vén para persoas nadas no exterior e que se enmarca dentro do Plan de 50 medidas que a Xunta quere pór en marcha no 2025.

Convocatoria para traballar arredor da lingua

Logo da convocatoria anunciada onte por José López cara ao inicio dun proceso de diálogo político arredor da lingua, o debate arredor do galego volve coller forza logo daquela vez primeira que o conselleiro anunciara esta intención días antes da celebración das Letras Galegas, no mes de maio. Daquela, os partidos políticos da oposición acolleran as palabras con escepticismo á vez que diferentes entidades da lingua, como a Real Academia Galega, solicitaban como primeiro xesto por parte da Xunta a derrogación ou modificación do decreto do plurilingüismo no ensino.

Que se dixo sobre o pacto polo galego en Nós Televisión?

A raíz do debate, Nós Televisión emprendeu unha serie de entrevistas a entidades da lingua e persoas individuais relacionadas coa defensa do galego reunidas baixo o título de Pacto polo galego que este mesmo sábado terá unha nova entrega. Ante as cámaras de Nós Televisión falaron Valentín García, SXPL; Víctor Freixanes, RAG; o reitor da USC, Antonio López; a presidenta do ILG, Elisa Fernández; Marcos Maceira, A Mesa pola Normalización Lingüística e Alba Nogueira, investigadora da lingua.

 

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego