A remodelación do goberno de Feijóo segue a ser polémica e non acaba de contentar a ninguén. Unha das decisións mais controvertidas foi a de crear un departamento que leve Cultura e Turismo, logo de quitarlle Educación ao conselleiro Román Rodríguez. O investigador Jorge Linheira é unha das voces críticas con este cambio.
Linheira explica que nesta remodelación que se anuncia como unha aposta de futuro en realidade agocha unha volta ao pasado, aos tempos de Manuel Fraga Iribarne e mesmo antes. Sinala que é un culto aos grandes eventos que pouco ten que ver coa protección e espallamento do traballo que está a desenvolver un sector moi castigado do noso país.
Para este investigador con esta decisión a cultura galega na Xunta quedou ligada a un macroacontecemento como é o Xacobeo 2021, a grande aposta estratéxica que recupera Feijóo coincidindo cun periodo electoral no que o PP quere revalidar a súa maioría absoluta parlamentaria.
Román Rodríguez: “É necesaria unha combinación lóxica e acertada”
O propio conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, xustificou hoxe a mudanza dentro do Goberno da Xunta e o significativo medre da cuestión turística.