Iseo a Moura actuará na gala dos VII Premios Mil Primaveras

O sábado 13 de xuño ás 11.30 horas terá lugar no Salón de Actos do Pazo de Cultura de Pontevedra o acto de entrega dos VII Premios Mil Primaveras, creados en 2019 pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) coa finalidade de valorar, recoñecer e difundir accións, campañas, programas e proxectos que teñen como obxectivo principal o fomento da lingua e a procura do incremento do seu uso e prestixio.

O acto contará coa actuación da narradora e cantautora Iseo a Moura e nel recoñeceranse os seguintes proxectos: As chaves da lingua (un proxecto didáctico e divulgativo para mellorar a calidade lingüística), Comando Le: grupo de activismo cultural de Espazo Lectura (unha iniciativa dirixida á adolescencia para crear un espazo de lecer en galego), O Dépor é da Coruña (unha campaña que parte da mocidade para acadar un cambio simbólico na cidade herculina) e Revolta Galega (un programa de dinamización lingüística integral para o CPI As Revoltas de Cabana de Bergantiños).

O acto de entrega é público, con acceso libre ata completar a capacidade da sala, e contará coa actuación de Iseo a Moura, cantautora e narradora oral, integrante de Blues do País e Sacha na Horta e líder de Måi, cuxo primeiro disco, Nigredo, presentou en 2023.

O galardón identificativo dos VII Premios Mil Primaveras consistirá nunha peza artística elaborada por Artesanía Enxebre, obradoiro de madeira do Barco de Valdeorras.

Os VII Premios Mil Primaveras promóveos e organízaos a CTNL co apoio económico da Deputación Provincial de Pontevedra. Para o acto de entrega, a CTNL conta ademais coa colaboración do Concello de Pontevedra.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego