Iria Collazo recibirá este venres o Premio Manuel García Barros nun acto no Teatro Principal da Estrada

A muller de mentira‘ é o título da obra co que a escritora Iria Collazo se levou o Premio de Novela Manuel García Barros que recibirá este venres ás 20.30 horas no Teatro Principal da Estrada.

Este galardón literario, un dos máis importantes no mundo das letras galegas, vén acompañado da publicación da obra por parte da Editorial Galaxia, que agasallará ás persoas asistentes cun exemplar.

A obra, que fora presentada baixo o lema “A espera. Dúas historias de amor”, foi escollida entre as 19 presentadas nesta 38ª edición, que coincide cun 2026 no que se conmemora o 150 aniversario do nacemento do autor de Berres que bautiza este premio.

A escolla do xurado

O xurado salientou “a súa capacidade para nos mergullar nunha poderosa historia de amor e desamor entre dous autores que se atopan na escrita e se afastan na vida”. Escrita con gran profusión de citas literarias, que dialogan coa historia de amor que sostén a novela, esta narración “destaca polo fino esmerilado dos períodos, a admirable contención expresiva e o esmaltado de prosa poética que cicela esas páxinas, conducíndonos nunha espiral de emocións ata un final climático que pecha a novela luminosamente”.

Apuntamentos biográficos da autora

Iria Collazo López naceu en Barro, pero leva afincada no Morrazo dende os sete anos. Estudou Filoloxía Galega na Universidade de Vigo e é profesora de Ensino Secundario. A súa primeira obra literaria publicada foi “Coma unha áncora”, chegando a segunda en 2016, “A soidade das medusas”. Esta última, un conxunto de relatos entrelazados, foi traducida ao francés e ao portugués. En 2019 acadou o II Premio de Poesía Torre de Caldaloba con “Dacasa queimada”, publicado en 2020, e en 2024 deu ao prelo “Os mortos que amei”.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego