Investigación, creatividade e innovación, xuntas nas xornadas que a UVigo celebrará o vindeiro mércores

É posible construír un futuro máis sostible a través da investigación, da innovación e do pensamento creativo multidisciplinar? Como? Para dar resposta a estas preguntas, a Unidade de Cultura Científica e da Innovación (UCC+i) da UVigo promove unhas xornadas que terán lugar o vindeiro mércores 24 na sede da Vicerreitoría do campus, no marco do programa de divulgación científica Ciencia de ida e volta, que a Universidade desenvolve co financiamento da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (Fecyt).

En que constistirán estas xornadas?

Diferentes investigadoras da UVigo serán as protagonistas dun evento que se desenvolverá entre 18.30 e as 20.30 horas. A través de tres conferencias, as xornadas porán o foco nas fontes de financiamento europeo para o desenvolvemento de proxectos centrados na sostibilidade, no impacto ambiental da investigación e en como a innovación permite xerar alternativas a procesos ata o de agora contaminantes.

Captación de fondos europeos

Aberta ao público, con inscrición previa ata completar a capacidade da sala, a xornada abrirase cun relatorio da directora da Área de Proxectos Internacionais de Educación, Eva Garea, titulado Creatividade e innovación na captación de fondos europeos para construír sociedades máis sostibles. Como explican desde a UCC+i, esta conferencia centrarase no traballo que desenvolve a Oficina de Proxectos Internacionais da UVigo “en relación coa identificación de fontes de financiamento da Unión Europea e o apoio a toda a comunidade universitaria para deseñar e levar a cabo proxectos innovadores en terceiros países que contribúan á súa sostibilidade”.

Investigación para un futuro máis sostible

Tras este primeiro relatorio, a actividade continuará co relatorio A investigación sostible do futuro, no que interveñen Carla Cameselle, María Dolores Torres e Noelia Flórez, do grupo de investigación en Biomasa e Desenvolvemento Sostible da UVigo, pertencente ao Cinbio. A súa intervención estará centrada, como sinalan desde a UCC+i, na “problemática do impacto ambiental na investigación e a necesidade de utilizar tecnoloxías máis sostibles para reducilo”. Con esa idea, presentarán diferentes tecnoloxías verdes e as súas posibles aplicacións, á vez que que reflexionarán sobre “o papel da tecnoloxía para axudar a crear un futuro máis sostible e sobre como a adopción de tecnoloxías verdes pode mellorar a eficiencia e reducir os residuos” nos procesos investigadores.

Residuos agroindustriais

Finalmente, a xornada pecharase coa conferencia Residuos agroindustriais: unha segunda vida como absorbentes de contaminantes ou catalizadores para a xeración de combustibles, a cargo de Aida María Díez, do grupo de Bioenxeñería e Procesos Sostibles (Biosuv), pertencente ao Cintecx. Díez Sarabia abordará na súa intervención dúas das liñas de traballo deste grupo, a centrada nos “procesos de absorción”, o uso de materiais porosos para reter elementos contaminantes que poidan atoparse en augas residuais, e a dedicada os “procesos de xeración de hidróxeno, centrados na rotura da electroquímica da auga para producir este combustible non contaminante”. En ambos casos, explican desde a UCC+i, o grupo busca que estes materiais “teñan base de carbono e nitróxeno” e sexan libres de metais, coa idea de reducir a contaminación asociada a estes. Deste xeito, este terceiro relatorio buscará incidir en como a innovación permite ”que procesos tradicionais altamente contaminantes poidan reinventarse e ser máis eficientes e sostibles”.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego