Intelixencia Artificial: Impacto Económico e Social

Estreamos a 1ª conversa da serie audiovisual sobre Intelixencia Artificial que ven de producir e realizar Nós Televisión. INTELIXENCIA ARTIFICIAL: IMPACTO ECONÓMICO E SOCIAL é o título desta primeira entrega, protagonizada polo profesores María Cadaval e Luís Otero.

A intelixencia artificial é unha ferramenta chea de oportunidades para o desenvolvemento económico e social en Galicia. Como pode afectar ás empresas familiares da nosa comunidade? Cales e como van ser os traballos do futuro? Como adaptarnos a todos os cambios que van vir? Que impactos pode a intelixencia artificial no ámbito da saúde e da asistencia social? Como pode afectar a IA ao emprego? Estamos preparados? Temos a educación axeitada para un mundo de persoas e máquinas intelixentes? Están incorporando as empresas a IA, e estano a facer ben? Sobre estas e moitas outras cuestións relacionadas coa intelixencia artificial e a realidade económica e social da nosa comunidade trata esta conversa.

A serie de conversas sobre Intelixencia Artificial está producida e realizada por Nós Televisión, conducida pola xornalista Xiana Arias, e financiada pola Secretaría Xeral da Lingua da Xunta de Galicia; pola Vicerreitoría de Transformación Dixital e Innovación da Universidade de Santiago de Compostela e a Cátedra Institucional USC- Plexus de IA aplicada á Medicina Personalizada de Precisión (CAMELIA), con fondos da Unión Europea-Next Generation EU. Foron gravadas no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela.

A esta primeira sobre Impacto económico e social da IA, seguirán estoutras conversas que se irán estreando ao longo das próximas semanas:

  • ‘Intelixencia Artificial: A necesidade de que as máquintas entendan e falen galego’, protagonizada polo secretario xeral da Lingua, Valentín García; e o Xosé Luís Regueira, membro do Instituto da Lingua Galega (ILG) e do equipo investigador do Proxecto Nós.
  • ‘Intelixencia artificial e educación’, protagonizada por María Jesús Taboada, coordenadora do Mestrado en IA do Sistema Universitario Galego; e María José Carreira Nouche, secretaria académica da Cátedra CAMELIA e catedrática de IA.
  • ‘Intelixencia artificial confiable: A importancia da regulación e da ética’, protagonizada por Julia Ammerman, profesora de Dimensión Xurídica da IA na USC; e Martín Pereira, profesor de Lóxica no Grao en Intelixencia Artificial da USC.
  • ‘Intelixencia artificial e desinformación’, protagonizada por David Losada, catedrático de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial da USC e investigador do CITIUS; e César Fieiras, investigador especializado en IA en medios, membro do Grupo Novos Medios da USC.

Todas elas estarán dispoñibles ademais de na canle de youtube de Nós Televisión, na plataforma de Movistar Plus+ para todo o Estado español e poderán verse tamén na canle 9 de R en toda Galicia.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego