Este 23 de febreiro conmemórase o nacemento de Rosalía de Castro, unha das figuras máis emblemáticas da historia e cultura galegas. As diversas institucións do país levan desde inicios de febreiro organizando actos de reivindicación e lembranza da autora e continuarán ata o remate de mes. Desde Nós Televisión tamén queremos sumarnos á conmemoración dunha figura única para Galiza, central na concepción da nosa cultura e identidade, e da que aínda queda moito por contar. Sobre ela xiraron as conversas do programa Vía Rosalía que contou con convidadas do talante de Sés, Luz Fandiño, María Reimóndez, Najla Shami, Anxo Angueira ou Chus Lama. Que mellor forma de pasar o Día de Rosalía que desterrando mitos e visibilizando as múltiples facianas dunha muller que se atreveu a ser feminista e galega no XIX?
Rosalía feminista
A artista e música María Xosé Silvar (Sés) e a poeta Luz Fandiño, conversan sobre a forza e actualidade da obra de Rosalía de Castro. Desmontando o tópico imposto da Rosalía “miña xoia” e “chorona”, descubrimos a importancia da poeta galega e universal nas biografías destas dúas importantes figuras da cultura galega actual.
Rosalía inspiración
Rosalía é inspiración para múltiples e diversas artistas contemporáneas. A través delas, e das súas obras, Rosalía mantense viva en nós. Najla Shami, cantora e compositora, e a escritora María Reimóndez atópanse na Casa Rosalía para abordar a complexidade de Rosalía, a súa influenza nelas e nas súas creacións e incluso no seu xeito de ver e interpretar a vida. E a ti, que che inspira Rosalía?
Rosalía desde a infancia
As incertezas arredor da nenez de Rosalía construíron certas falsidades arredor da figura da escritora. Hoxe en día sabemos, por exemplo, a importancia que xogou a nai de Rosalía de Castro no seu desenvolvemento emocional e intelectual. Mais non é a única descuberta.
Reunimos na Casa Rosalía a dúas das persoas que máis saben da autora, Chus Lama e Anxo Angueira, para afondar nas certezas e misterios da nenez dunha das figuras máis importantes da nosa cultura. Colocamos #VíaRosalía directa á nenez!