Homenaxe da AGAL ao seu primeiro ‘Conselho’

Un 19 de decembro de hai 40 anos, máis de 50 persoas fundaban no Centro Don Bosco de Compostela a Associaçom Galega da Língua. Para conmemorar aquel acontecemento, no mesmo día de 2021 e no mesmo lugar, a AGAL homenaxeará ao seu primeiro Conselho.

No marco da asemblea ordinaria da asociación, realizaranse diversos actos de celebración dos 40 anos de existencia da primeira organización claramente reintegracionista de Galiza.

Por este motivo vaise instalar na confluencia da calzada de Santo Antonio coa de San Pedro unha placa na que, ademais de lembrar o ano de fundación da asociación, aparecerán referidas as 40 persoas promotoras da AGAL entre maio e decembro de 1981.

Do mesmo xeito e, a proposta do Conselho actual, a asembleia votará  o nomeamento como socios de honra dos profesores José Luís Rodríguez, José-Martinho Montero Santalha e Isaac Alonso Estravis.

Cápsula do tempo

Segundo anuncia o Portal Galego da Língua, no recinto do Centro Don Bosco enterrarase unha cápsula do tempo na que cada unha das persoas presentes deberá deixar un texto sobre a situación da lingua galega en 2021 e a súa previsión para 2081. Nese ano a AGAL fará 100 anos, momento no que a cápsula do tempo poderá ser aberta.

O proceso de fundación da AGAL foi impulsado por un numeroso grupo de mozos, moitos deles discípulos de Carvalho Calero. Entre eles destacan, Xavier Alcalá, José Luís Rodrigues, Aracéli Herrero, Xosé Ramón Pena, José Martinho Montero Santalha, Maria do Carmo Henríquez Salido, Joám Trilho, X. Rodríguez Baixeras, António Gil, José Maria Monterroso Devesa, Joám Carlos Rábade Castinheira, Joaquim Campo Freire e Manuel Miragaia Doldám.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego