Henrique Rabuñal, autor destacado neste mes de setembro pola AELG

O escritor e profesor nado na Pastoriza, Henrique Rabuñal, é o autor ao que a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) lle dedica este mes de setembro. Rabuñal leva publicados numerosos libros individuais e particou en 70 obras colectivas, sendo autor de máis de 300 escritos, 50 de asunto teatral.

Graduouse en Filoloxía Galego-Portuguesa na Universidade de Santiago de Compostela coa memoria de licenciatura e tamén é Diplomado en Lingua Portuguesa pola Universidade de Coimbra. Fundou os colectivos galeguistas A Nova Mocidade e Xiada ademais de seren membro do grupo de sociolingüística Iruinean Sortua liderado por Lluis V. Aracil.

Como membro da AGAL (1983-2001) colaborou nas publicacións da súa Comisión Lingüística Prontuário ortográfico galego (1985), Guia prático de verbos galegos conjugados (1989) e Estudo crítico das Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego (1989). Foi redactor da revista Agália onde publicou (1985-2001) máis de trinta traballos sobre Celso Emilio Ferreiro, Cunqueiro, Avilés, Carvalho Calero, Blanco Amor, Guerra da Cal, Dieste, Ánxel Casal, Manuel María ou Baixeras.

Na actualidade é coordinador do Certame de Narracións Breves “Manuel Murguía” responsabilizándose da edición dos libros Relatos (1995), Airadas de palabras (1998), Tecendo panos (2000). Tamén colabora con diversos medios de comunicación e recibiu unha ampla diversidade de galardóns como Premio Carvalho Calero de ensaio ou o Premio do Concurso de Teatro Breve do Facho.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego