“Volve a gran festa do outono galego que, entre o 4 e 12 de outubro, encherá as rúas de Lugo cunhas 200 actividades distintas, máis da metade delas musicais”, destaca a concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro que, xunto co tenente de Alcaldesa do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, presentou o programa das festas de San Froilán 2023.
A volta da gran festa do outono galego contará con actividades tradicionais como o desfile do traxe tradicional, que este ano celebra a súa 51 edición ou o desfile do gando. O programa inclúe actividades xa consolidadas neste eido, como o XXI Festival de Música Tradicional de Cántigas e Frores; a Verbena Galega D’antes; ou a XXV Mostra de Música Tradicional Galega do Domingo das Mozas, organizada pola Asociación de Gaiteiros Galegos que animará as rúas do casco histórico con máis dunha ducia de agrupacións tradicionais.
Hard GZ, 6 de outubro ás 22h na praza Horta do Seminario
Pedro Ruibal é un rapeiro galego nado en Vigo no 1995. Criouse en A Coruña, onde entrou en contacto co hip hop e converteuse en Hard GZ. Con 14 anos montou o seu primeiro estudio caseiro e comezou a rapear na banda Urban Style Crew, onde se rodeaba tanto de DJ’s e MC’s como de grafiteiros. Máis adiante, fundou un selo discográfico; La Utopía del Norte, ao que estivo vencellado durante case dez anos.
Rapeiro atípico e utópico, destaca polo seu compromiso social, que se plasma non so nas súas letras (nas que abundan referencias á vida na rúa e á loita obreira) senón tamén nos numerosos proxectos solidarios nos que se embarca.
Carolina Durante, 4 de outubro ás 22h na praza Horta do Seminario
Carolina Durante é un grupo musical formado no 2017. O seu estilo de música pode incluírse dentro dos xéneros Pop, Punk e Indie. A agrupación está formada por Diego Ibáñez (vocalista), Martín Vallhonrat (bajo), Juan Pedrayes (batería) e Mario del Valle (guitarra). O guitarrista Mario del Valle e o batería Juan Pedrayes son tamén integrantes da banda Axolotes Mexicanos.
Carolina Durante viviu o seu debut no interior da Sala Juglar de Madrid, no 2017 tocando xunto á agrupación musical Axolotes Mexicanos. Tras este primeiro concerto, a banda só tardou uns meses en lanzar o seu primeiro single, titulado “La noche de los muertos vivientes”. Publicaron o seu primeiro EP en dicembro do 2017, co título Necromántico, seguido polo tamén EP en maio do 2018, Examiga.
No 2020, lanzaron o seu terceiro EP: Del horno a la boca, e os seus dous álbums completos publicados son Carolina Durante, por Carolina Durante (2019) e Cuatro chavales (2022).