Desde o 17 de xuño, a cidade de Compostela ten por vez primeira unha alcaldesa muller, feminista e nacionalista. “Quero ser o mesmo que fun antes, unha muller con enerxía, con ganas”, sostén Goretti Sanmartín ante Nós Televisión que engade a “capacidade de diálogo” e o “saber traballar en colectivo” como algunhas das características que busca que a definan como rexedora.
A súa investidura coincide co pico turístico da cidade. A alcaldesa quere implementar un “turismo consciente” en Compostela mais, que medidas poden pórse en marcha sen quitarlle o sustento ao comercio ou a hostalería? Que sucede cos proxectos, como o referido á Casa da Xuventude, nas que ten diverxencias de opinicóns cos seus socios de goberno, Compostela Aberta (CA)?
“Estamos funcionando como un equipo único”, afirma cando lle preguntamos polo funcionamento da corporación municipal con CA. Tampouco obviamos a decisión de Sanmartín ao adscribir as áreas de lingua e igualdade á alcaldía. Precisamente, dúas áreas fortemente atacadas desde as ondas reaccionarias que defenden a supresión de dereitos lingüísticos, de identidade e de xénero. Ante isto, a alcaldesa de Compostela é clara: “As institución teñen que mollarse e decidir de que lado están“.