Gonzalo Navaza ingresará na Real Academia Galega (RAG) como membro de número o 5 de novembro nunha sesión extraordinaria pública que terá lugar no salón de actos da institución, na Coruña, a partir das 12:30 horas. O filólogo e escritor pronunciará o discurso titulado Nomes de persoa na toponimia de Lalín, centrado na súa terra natal dende unha rama da filoloxía na que é especialista, a onomástica. Ante esta ponencia responderá o coordinador do Seminario de Onomástica, Antón Santamarina.
Gonzalo Navaza ocupará a vacante producida polo pasamento en marzo de 2021 do historiador Xosé Ramón Barreiro Fernández, presidente da RAG durante case unha década. O novo académico é coñecido polo seu labor literario que conta con distintos premios, como o da Crítica Española de poesía por Fábrica íntima (1991) e Libra (2000), recoñecido tamén co Martín Codax; e como narrador, o San Clemente por Erros e Tánatos (1998). Tamén é un destacado investigador no eido da onomástica, traduciu clásicos do inglés e do francés ao galego e desenvolveu un importante traballo como coordinador e coautor de dicionarios.