A Federación de asociacións culturais Galiza Cultura celebrará este 7 de outubro, as 19 horas, no Teatro Xofre de Ferrol, unha gala de homenaxe aos 60 anos de traxectoria profesional de Xaquín Marín, o humorista gráfico galego de referencia deste máis de medio século último.
A música, as intervencións de compañeiras e compañeiros de profesión xunto co propio Xaquín Marín marcarán este evento no que a actuación musical correrá a cargo de ‘St. James Dixie Band’. Tamén contará compañeiros de profesión, como Siro ou Pepe Barro, participando da actividade activamente e compartindo co publico asistente convivencias e aprendizaxe co mestre gráfico. Subirán ao escenario a responsábel do Museo do Humor de Fene, Almudena Marcos ou a pedagoga Pilar Sampedro, que tamén nos achegarán ás facetas máis destacábeis do creador de ‘Gaspariño’ ou dos cadros dos ‘pés’. Todo isto conducido polo actor e director teatral e produtor Quico Cadaval que fará unha aproximación á inmensa obra de Xaquín Marín inspirándose no humor e na retranca dos innumerábeis cadros e viñetas do artista cómico gráfico, ilustrador e debuxante considerado o humorista galego máis relevante despois de Castelao.
O acto porá o ramo coa entrega dun agasallo orixinal ao propio Xaquín Marín, recoñecido en 2019 co Premio Nacional Galiza Cultura, realizado polas súas e polos seus compañeiros de profesión.