“Este ano, no que de novo volvemos a escoitar mensaxes negacionistas que afirman que non hai violencia contra as mulleres polo feito de selo, imos traballar a carón de catro grandes alianzas fundamentais, dende a comunicación, a educación, a cultura e a investigación, para transformar a sociedade, este mundo patriarcal, machista, que nos discrimina e violenta”, sostivo a presidenta da Deputación de Pontevedra na presentación da campaña ‘Fronte ao negacionismo. Alianzas dende o feminismo‘ para conmemorar o 25 de novembro.
No acto, Carmela Silva estivo acompañada dos alcaldes de Pontevedra, O Grove, Poio e Tui, e de concelleiras e concelleiros de concellos como A Lama, Ribadumia, Silleda, Mos e Vilagarcía, así como de representantes de CIMs e integrantes da policía local, de asociacións de igualdade e do tecido social, educativo e cultural da provincia.
‘Fronte ao negacionismo. Alianzas dende o feminismo’
A campaña ‘Fronte ao negacionismo. Alianzas dende o feminismo‘ dá cobertura a unha axenda de actividades que van máis alá do propio 25N, cando terá lugar a lectura da declaración institucional e o arranque da oitava edición de ‘Mulleres en acción. Violencia Zero‘.
O tiro de saída do programa, que percorrerá no que queda de ano e, durante o 2023, 25 concellos da provincia a través de 25 accións artísticas lideradas por 35 mulleres artistas, terá lugar o día 25N no Pazo Provincial en Pontevedra ás 10 da mañá con “Corpos de abismos”, a cargo da compañía “Duelirium” que porá en marcha un espectáculo con acrobacias para representar “a caída aos abismos que sufrimos as mulleres”. Ese mesmo día, ás 18.00 horas no MARCO de Vigo terá lugar a outra acción inaugural a cargo de Iria Sobrado, Ana Gesto e Elena Salgueiro que farán con “Canon circular” unha performance para “afondar en rituais antropolóxicos que visualizan as violencias machistas. Amais de “Mulleres en acción. Violencia Zero”, a presidenta da Deputación tamén explicou ao detalle as catro alianzas a carón das que se vai vertebrar o programa, centradas na comunicación, na educación, na cultura e na investigación e no coñecemento.
Así, no marco das alianzas dende a comunicación a presidenta informou que o 18 de novembro despregaranse as lonas co lema “Fronte ao negacionismo. Alianzas dende o feminismo” nas fachadas das sedes da Deputación en Pontevedra e Vigo. Xa o 25 de novembro, que coincide ademais coa celebración do pleno ordinario da institución, terá lugar a declaración institucional que será redactada e lida por Azucena Arias, “unha muller da educación e da universidade”.
En canto ás alianzas dende a educación a presidenta explicou que durante o mes de novembro estase xa a desenvolver o curso online no marco da Escola de Igualdade María Vinyals, coordinado por Rosa Cobo, con temáticas centradas na axenda política feminista.