Francisca Herrera é a muller con máis protagonismo dentro da revista Nós logo de Rosalía de Castro, a quen se lle profesa unha fonda admiración. A coruñesa publica un ensaio, un relato e un poema na revista e as súas obras tamén aparecen referenciadas.
Herrera dispón dunha importante posición dentro da cultura galega nos comezos do século XX. Trátase da primeira muller en escribir unha novela en galego (‘Neveda’) e tamén a primeira muller en ser escollida académica na Real Academia Galega. Froito disto, tamén se converterá na segunda muller, só tras Rosalía, en ser homenaxeada no Día das Letras Galegas.
Francisca Herrera na revista Nós
‘A muller galega’, de Francisca Herrera, aborda a condición das mulleres galegas desde unha perspectiva conservadora e tradicionalista. Con ese artigo, Herrera convértese na primeira muller en escribir un artigo na revista Nós. Tras el, virán outros dous: o relato ‘A neta da naipeira’ no número 20 e o poema ‘A nosa nai Galiza’ no número 91.
Traballamos a súa memoria coa investigadora Carmen Blanco e o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes. Tamén contamos co historiador Afonso Vázquez-Monxardín e a filóloga e secretaria da Fundación Castelao, Patricia Arias Chachero.
Este capítulo forma parte de #Nosoutras a serie documental de Nós Televisión que, co patrocinio da Deputación de Ourense, narra a vida das mulleres da revista Nós. A serie documental presentada pola ourensá Eira Losada consta de tres capítulos dedicados a Anne MacSwiney, Francisca Herrera e Margot Sponer.