Fran Alonso (Vigo, 1963) é escritor, editor, xornalista e director de Edicións Xerais de Galicia desde abril de 2018. Recíbenos na sede da editorial, na cidade olívica, cando está a piques de rematar o 2023, un ano especial por cumprirse o 40 aniversario dos Premios Xerais de Novela, toda unha referencia a día de hoxe no panorama literario galego.
Alonso é optimista ao respecto do momento actual que viven as letras galegas, tendo en conta que nos últimos 20 anos houbo dez títulos en lingua galega que gañaron o premio Lazarillo no Estado español. Non obstante, analiza que o gran reto, que segue estando a nivel interno, céntrase en facer que a masa lectura en galego medre. Para logralo, defende que ten que existir “un compromiso moitísimo maior” por parte das Administracións públicas.
O director de Xerais é partidario de dar pasos adiante na renovación e estar moi atentos a novos autores e autoras e a todos os movementos sociais e define claramente: “A lectura dános o don da palabra e habilítanos para ter máis experiencias” e “ler en galego é o que nos fai ser cosmopolitas”.