O Goberno de Santiago de Compostela, formado por BNG e Compostela Aberta, celebrou esta mañá no Pazo de Raxoi o cumprimento dos dous anos de mandato. A alcaldesa Goretti Sanmartín Rei, e a tenente de alcaldesa, María Rozas, destacaron durante a súa comparencia todos os logros realizados desde as eleccións municipais do 2023.
No acto, a rexedora repasou máis de 40 exemplos que representan a traxectoria do goberno durante os primeiros 24 meses de traballo. “Se isto todo que acabo de vos ensinar aconteceu en dous anos, imaxinade o que pode pasar dentro de dous anos máis cando cheguemos a 2027”, apelou Goretti Sanmartín, tras exhibir de un en un os avances en distintas materias. Desde o “desbloqueo da operación Peleteiro’ ata a colocación dunha placa en lembranza da prisión franquista en Galeras pasando por: taxa turística, regulación de pisos turísticos, servizo de asesoramento LGBTIQ+, obras como a do Pombal ou intervencións de accesibilidade, aparcadoiro do CHUS, Alba de Compostela, o inicio do contrato de transporte de autobuses, cumprimento co rural, consellos de participación, parques infantís, nodo loxístico, capitalidade, vivenda, as mellores festas, intermodal Daniel Castelao, servizo de comedor nas escolas unitarias, máis taxis, incremento do orzamento para o SAF ou o fito dos 100.000 habitantes, entre outras cuestións.
Durante a súa intervención, incidiu que este goberno está tomando decisións “estruturais e, por tanto, a medio e longo prazo, mais cuxos resultados xa comezan a verse”. A modo de exemplo, anunciou que hoxe mesmo na xunta de goberno se aprobou a modificación puntual da regulación de usos do ‘Plan Especial de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica’. Entre outras novidades, avanzou que non permitirá a implantación de novos establecementos de tendas de recordos convencionais ou souvenirs en practicamente toda a cidade histórica e que limitará no recinto intramuros os negocios automatizados (como consignas ou máquinas expendedoras).
Pola súa banda, María Rozas incidiu en que “acadamos avances moi significativos e sementamos outras transformacións que están por vir, e hoxe temos un Santiago mellor que hai dous anos”. A tenente de alcaldesa salientou que o Goberno está cumprindo o compromiso asumido hai dous anos de que este fora o mandato do social “e temos avances incontestables, avalados polas cifras dos orzamentos, e que levan os nomes e apelidos das 22.000 persoas atendidas polos Servizos Sociais municipais, a cifra máis alta da historia coa excepción de 2020, e xusto cando Santiago ten a taxa de desemprego máis baixa da historia”.
A concelleira recordou os esforzos feitos polo Concello para incrementar o orzamento das bolsas de comedor escolar, actividades e material “coas que chegamos ao 20% dos nenos e nenas de Santiago, unha porcentaxe superior á de calquera outra cidade galega”; e as melloras introducidas nos programas de conciliación “cunha oferta por primeira vez para crianzas maiores de 12 anos”. O reforzo do Servizo de Axuda no Fogar foi outro logro ao que se referiu a tenenta de alcaldesa, que salientou que “o Goberno local apostou por este servizo, e por asumir os custos que a Xunta segue sen asumir ainda sendo a súa competencia”.
María Rozas referiuse tamén á cuestión da mobilidade. Ao respecto, sinalou que “apostamos claramente, tamén do punto de vista económico, porque o do transporte sexa un verdadeiro servizo público, e ainda con todas as complexidades desta licitación temos sentadas as bases para un contrato que responda mellor ás necesidades da veciñanza”. A tenenta de alcaldesa explicou que, entretanto, avanzamos noutras cuestións como a aprobación do PMUS, a planificación de novos carrís bici, o implantación dunha liña de bus directa ao aeroporto, ou o problema da falta de taxis “que este Goberno abordou por primeira vez”.
Por último, a tenenta de alcaldesa reivindicou que “traballamos noutras pequenas actuacións que melloran a vida da xente, como o arranxo do CSC de Vite no que se van investir máis de 300.000 euros; a apertura da Casa das Máquinas, o acondicionamento do Parque do Berce do Sar, ou o proxecto de restauración ambiental do Ecobosque do Banquete de Conxo, “seguindo unha maneira de facer política que é a de escoitar á veciñanza”.