Fillas de Cassandra subirán hoxe ao escenario de María Pita

As Noites de María Pita recibirán este xoves 13 de agosto a unha das formacións galegas con maior proxección do momento. Fillas de Cassandra actuarán ás 22.00 horas na praza de María Pita dentro da programación das Festas de María Pita 2026, nun concerto no que presentarán o seu novo traballo discográfico, ‘Tertúlia’.

Formado polas músicas viguesas María SOA e Sara Faro, o grupo consolidouse nos últimos anos como un dos grandes referentes da música galega contemporánea, cunha proposta que combina electrónica, harmonías vocais, tradición e experimentación sonora.

O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacou a relevancia da actuación dentro da programación festiva deste ano. “Desde o Goberno de Inés Rey seguimos apostando polos proxectos musicais galegos que están a marcar o presente e o futuro da nosa creación cultural. Fillas de Cassandra representan talento, innovación e unha maneira propia de entender a música desde Galicia para o mundo”, sinalou.

O concerto permitirá descubrir en directo as cancións de ‘Tertúlia’, o segundo álbum do dúo, un traballo no que amplían o seu universo sonoro e exploran novas formas de composición a través do diálogo entre a música tradicional, a electrónica contemporánea e unha escrita marcada pola ironía, a provocación e a intimidade.

Tras o éxito de ‘Acrópole’, o disco co que se converteron nunha das grandes revelacións da escena musical galega, e despois da publicación de ‘Hibernarse’ en 2025, Fillas de Cassandra presentan agora un espectáculo renovado que transforma o escenario nun gran espazo de encontro colectivo. Segundo explican as propias artistas, ‘Tertúlia’ concíbese como unha praza aberta á conversa, ao debate e á celebración comunitaria.

O novo directo mantén a intensidade e a enerxía que caracterizan ao grupo e incorpora unha nova dimensión estética e sonora na que o público pasa a formar parte activa da experiencia.

Recentemente, Fillas de Cassandra visitaron o programa ‘Música na Almáciga’ de Nós Televisión.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego