Fillas de Cassandra presentarán este martes, 7 de abril, a exposición ‘TERTÚLIA: doce cancións, doce cadeiras’. Trátase dunha experiencia única de preescoita do seu novo disco, que verá a luz nas plataformas dixitais o 24 de abril.
‘TERTÚLIA: doce cancións, doce cadeiras’ agroma da portada do novo disco de Fillas de Cassandra. Trátase dunha imaxe poderosa ideada por María SOA e Sara Faro en colaboración coa fotógrafa Arancha Brandón, a deseñadora Kika V. Ramil e o colectivo escenográfico As dúas e punto. Protagonizada por doce cadeiras dispostas en círculo, a obra explora que forma, textura ou cor terían as cancións de Tertúlia se fosen obxectos.
Así, a Fundación Granell acollerá os días 7 e 8 de abril unha instalación aberta ao público na que as doce cadeiras da portada se transforman nun dispositivo no que a canción toma forma: cada unha delas, correspondente a un tema do disco, deixa de ser un simple moble para converterse nunha mensaxe en si mesma.

Ao igual que as letras de ‘Tertúlia’, estas pezas non perseguen a compracencia nin a comodidade neutral do mobiliario urbano. Polo contrario, toman partido e interpelan a quen as mira; algunhas son refuxio que acolle e protexe, mentres outras, na súa crueza, incomodan ou expulsan, obrigando a quen escoita a situarse fronte á obra. A elección da cadeira como protagonista da portada e como símbolo non é casual: remite ás sobremesas infinitas e ás mulleres que sacaban o asento á rúa para saír á fresca, conversar e converter o espazo público nun lugar de transmisión oral, unha das ideas centrais que atravesa o disco.
A presentación á prensa terá lugar na mañá deste martes 7, a partir das 11:00 horas, na Fundación Granell.. As e os asistentes poderán escoitar por primeira vez o disco e conversar, de xeito distentido, coas artistas, que tamén ofrecerán unha pequena actuación ao vivo.



