Fillas de Cassandra e Capercaillie, entre as primeiras confirmacións do Festival de Ortigueira 2024

O Concello de Ortigueira vén de presentar o cartel do Festival de Ortigueira 2024 e de facer un avance da cita que se celebrará do 11 ao 14 de xullo.  No acto interviron Valentín Calvín, alcalde de Ortigueira e responsable do Festival; Alberto Balboa, director do Festival; Bruno Lozano, presidente da Escola de Gaitas de Ortigueira e Jorge Fernández Arteaga, gañador do Concurso de Carteis.

Nesta edición o cartel foi seleccionado a través dun Concurso de Carteis no que se recibiron 115 propostas chegadas desde todas partes de Galicia, España e, incluso, outros países.

O cartel, ‘El embrujo del dragón’

Na presentación, o edil anunciou que Jorge Fernández Arteaga é o gañador do concurso grazas a súa obra ‘El embrujo del dragón’. O novo deseñador e tatuador leonés, que será galardoado cun premio de 2.000 €, presentou unha peza que representa a esencia do Festival de Ortigueira a través dunha gaiteira, pandeireta, o Muíño do Campo da Torre e o emblemático dragón do Festival.

Jorge Fernández Artega declarou que “supón un orgullo persoal moi grande, como fiel asistente a este Festival desde que pisei Ortigueira fai 10 anos por primeira vez, o que sen dúbida foi a miña principal fonte de inspiración para presentarme ao concurso”.

Dúas bandas asturianas e unha, de Barcelona

O presidente da Escola de Gaitas de Ortigueira, Bruno Lozano, centrouse nos obradoiros de baile e no Festival na Rúa “Na pasada edición fixemos un total de 192 horas de Festival con case 400 músicos e 300 alumnos de talleres. O éxito do Festival vén dado tanto pola calidade musical como pola hospitalidade do pobo de Ortigueira, cousa que agradecemos desde a Escola, e que fai que a xente que non é nativa de aquí veña e sinta Ortigueira como propia”. Lozano engadiu “queremos adiantar que este ano teremos dúas bandas asturianas e outra chegada desde Barcelona”.

Artistas xa confirmadas

O director do Festival, Alberto Balboa, destacou os aspectos artísticos e musicais, enfeitizando na filosofía do evento: gratuíto e accesible para todos os públicos. Posteriormente, presentou a algúns dos artistas que pasarán por Ortigueira este verán: Ailá, Aroze, BackWest, Bagad Brieg, Capercaillie, Cúig, Dervish, Escola de Gaitas de Ortigueira, Fillas de Cassandra, Green Lads, Kinnaris Quintet, Muro Kvartet, Nogood Boyo y Peoples Ford Boghall & Bathgate Caledonia Pipe Band, entre outros.

Valentín Calvín, alcalde de Ortigueira e responsable do Festival, pechou o acto facendo
referencia a que “comeza a conta atrás para un Festival cheo de música, cultura, actividades e cun cartel espectacular, que volverá distinguir a Ortigueira como capital mundial do folk”.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego