Fidel Vidal Pérez, autor destacado pola AELG no mes de marzo

Pintor, esaísta, poeta e narrador, Fidel Vidal Pérez naceu en Ribeira en 1942. Exerce como psiquiatra na cidade da Coruña, onde reside desde o ano 1972.

A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), decidiu nomear a este escrior como autor destacado no mes de marzo.

Coñece o idioma galego a través da cultura oral, xa que a escola daquel momento era en español. A publicación das obras de Castelao e Manuel Antonio pola editorial Galaxia, supuxo para el a apertura de todo un mundo que descoñecía. Máis adiante descubre a “maxia de Cunqueiro” e, xa na Universidade aparece o, “moderno e europeo”, Ferrín do Crepúsculo das formigas ou do Percival e outras historias. Vivenciar a inxustiza que soportaba o galego baixo o franquismo, induciu nel a forza para reaxir contra aquela situación.

Premios e obra

En 1969 recibe o “Premio La hora XXV” de novela curta por La Sapa, escrita en castelán. En galego é autor do poemario, A camelia oxidada (2006, Deputación de Pontevedra), e da novela, Un asasino felizmente casado (2015).

Ademais de participar en diversas obras colectivas, publicou os seguintes ensaios: Anatomía da emoción poética (1999, Edicións do Castro), Arte na esquizofrenia e outros excesos (2008, Laiovento) e O sol da tristeza. A figura do pai na obra de Manuel Antonio (2010, Espiral Maior).

Publicacións e pintura

Fidel Vidal Pérez colaborou coas publicacións Luzes de Galiza e Casahamlet, ambas galegas, e con Mani Art (Francia), Art-Life (Estados Unidos), De Segni di Sogni (Italia), Copy-Left (Suíza), ou Leopold Bloom (Hungría). Como pintor expuxo en Madrid, Barcelona, Huelva, Utrecht, Seattle, Florianópolis, Milán, Oslo e Ontario, ademáis de na Galiza.

 

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego