Fernando Castro Paredes gaña o Premio Galaxia de Novela 75 Anos con ‘O lanzador de coitelos’

A Editorial Galaxia deu a coñecer no Día do Libro o fallo do Premio Galaxia de Novela 75 Anos, o galardón literario de maior dotación económica en Galicia, que foi para o escritor Fernando Castro Paredes pola obra ‘O lanzador de coitelos’.

Xurado

O xurado, presidido pola catedrática e conselleira da editorial, Dolores Vilavedra Fernández e composto por Marcos Calveiro, como secretario; Ramón Nicolás Rodríguez, escritor, profesor e crítico literario; Tensi Gesteira Estévez, xornalista e crítica literaria; e Inma Otero Varela, escritora, profesora e crítica literaria; decidiu por maioría outorgar o premio á obra ‘O lanzador de coitelos’, da autoría de Fernando Castro Paredes.

O lanzador de coitelos

A novela, segundo destacou o xurado, sobresae pola súa elevada calidade literaria e pola forma brillante na que está escrita, atrapando o lector nunha atmosfera desacougante. Enmarcada no xénero do thriller, ‘O lanzador de coitelos’ aborda cuestións complexas, como a memoria (individual e colectiva), a liberdade, a identidade e o control social levado ata extremos humillantes. O texto articúlase como un xogo metaliterario e de máscaras, no que se reivindica tamén a relación entre a arte e o fracaso.

Por outra banda, o xurado quixo destacar tamén a numerosa participación e o alto grao de calidade das obras concorrentes.

Rolda de prensa

Na rolda de prensa participaron Dolores Vilavedra, presidenta do xurado; Xosé M. Soutullo, director de Editorial Galaxia; Marcos Calveiro, director de Edicións; e o gañador, Fernando Castro Paredes.

Fernando Castro Paredes sinalou que en ningún momento pensou que este texto puidese ter un recoñecemento desta embergadura, o que tildou como un premio histórico, poñendo en valor o orgullo inmenso que sente por poder recibir este galardón.

Dolores Vilavedra destacou durante a súa intervención que o xurado seleccionado representa un abano interxeracional diverso, no que houbo moito intercambio de puntos de vista; facéndose presente a voz das novas xeracións, e tamén unha diversidade e pluralidade de criterio. Ao mesmo tempo, Marcos Calveiro puxo en valor a alta calidade literaria da obra.

Xosé M. Soutullo fixo fincapé en que o premio será presentado no Hotel Compostela, en Santiago, porque alí foi cando o 25 de xullo de 1950, tivo lugar a asamblea de constitución de Galaxia.

Faite socia, faite socio

As socias e socios de Nós Televisión son un piar básico. Desde moi pouco, a túa achega económica pode axudarnos a consolidar este espazo audiovisual libre e en galego